DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha mostra recolle a heteroxénea obra pictórica do artista Jesús Pereira

Na sala 4 do Edificio Miralles ata o 13 de febreiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/01/2009

Da vida cotiá ao mundo intimista e sensible, dos obxectos do día a día a un universo de soños e imaxinación e do surrealismo daliniano ao realismo máis cru. A heteroxeneidade da obra de Jesús Pereira queda plasmada estes días nunha mostra que recolle, na sala 4 do Edificio Miralles, unha escolma das súas pinturas, nas que sempre trata de captar a beleza nun sentido directo e natural. Pereira compaxina a súa vertente creadora co seu traballo na Universidade de Vigo, na que expón o seu traballo por primeira vez, logo de ter xa consolidade unha importante traxectoria a nivel nacional e internacional.
Segundo explica o propio artista, “a miña vida sempre estivo vencellada á pintura, pero foi a partir do ano 2000 cando a relación se fixo máis constante”. Nomeado Académico Correspondiente pola Accademia Internazionale «Greci–Marino», Accademia del Verbano di Lettere, Arti, Scienze de Vinzaglio, Italia, Jesús Pereira foi eleccionado para a Bienal Internacional de Arte Contemporánea en decembro de 2007 en Florencia en representación de España. No 2008 foi convidado pola International Art Promotion a participar no VIII Festival de Arte de Tokio 2008 , en Ginza, Xapón e seleccionado para a I Edición da Bienal WORLD ART VISION que tivo lugar en Cancún, México, do 8 ao 14 de decembro de 2008.
A pesar desta dilatada experiencia, o pintor recoñece a dificultade de facerse un oco neste mundo, “unha exposición vai levando a outra e, dunha mostra, deixando catálogos e facendo contactos con galerías, adoitan abrirse portas novas”. Pero o mundo artístico é moi complicado e resulta case imprescindible asociarte con outros creadores para “facer forza e poder entrar en lugares nos que unha escolma individual sería moi complicado que tivera un oco”. Con todo, Internet é tamén unha ferramenta moi importante para darse a coñecer, “unha páxina web poder ser un campo impresionante”, destaca.
Neste 2009, o artista tomará parte na Jadite Gallery de Manhattan nunha mostra no mes de setembro e no VII Festival de Arte de New York, a celebrar no New Century Artists Gallery, no vindeiro mes de marzo.

Dalí, un dos referentes

pesar de que a obra de Pereira ten un carácter heteroxéneo, nas súas pinturas afloran pinceladas cun marcado carácter surrealista. “Son obras moi diferentes entre si, a min gústame a pintura e todo tipo de pintura como a outra persoa lle gusta a música”, explica ao tempo que recoñece que Dalí “apaixóname e esta corrente está bastante presente en boa parte da miña obra”. Pero este mundo onírico do surrealismo comparte espazo coa denuncia social, “pero non dun xeito moi evidente porque “o interesante é que o espectador atope estes contidos e interprete a obra dende a súa propia perspectiva, non se trata de darlle feitos, senón que cada persoa remate a obra”, subliña o pintor.

Traxectoria

No 2007 o seu traballo foi recoñecido co Premio de Honor da Sala del Poder Judicial de Buenos Aires, en 2006 obtivo o 2º Premio na sección de pintura no 19º Concorso Internazionale d'Arte Contemporanea "Santa María delle Arti" pola Accademia Internazionale Santarita de Torino. Acadou tamén neste ano o 2º Premio Figurativo Concettuale “Concorso Internazionale di Pintura” PREMIO EUROPA 2006 en Ferrara, Italia. En 2005, unha obra súa foi premiada no Concurso de Pintura “Jaurena Art” Galería virtual en Hospitalet de Llobregat.
Pereira ten participado con anterioridade en múltiples mostras colectivas e individuais entre as que destaca a Art Fair Shangai no pasado mes de setembro; a Arteexpo2008 no Javits Center de Nova York; a Art Meeting 2007, Mostra Internazionale na Gallería d'arte moderna Alba - Ferrara (Italia); a 18ª Edizione Arte e Motori Palazzo del Turismo en Riccione, Italia ou no Musseum of the Americas en Miami baixo o título Artistas Internacionales en Miami, onde unha obra súa forma parte do patrimonio do museo.
Na sala 4 do edificio Miralles, estará aberta ata o 13 de febreiro, en horario de mañá, de 08.00 h á 14.30 h e de polas tardes de 16.00 h a 18.30 h.