DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame logrou cheos en todas as funcións

A Mostra de Teatro Infantil acadou o éxito esperado con preto de 4000 espectadores

O teatro para bebés foi unha das opcións con mellor acollida

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 08/01/2009

Seis días de representacións, tres escenarios distintos, 20 espectáculos, 13 compañías teatrais e preto de 4000 asistentes son as cifras de resultados que arroxa a MOTI, Mostra de Teatro Infantil, na súa quinta edición. As expectativas depositadas nesta aposta teatral víronse cumpridas con éxito, o que fai que este certame se sitúe como a mellor opción para encher o tempo de lecer do Nadal. Dende o xoves 25 e ata o martes 30 de decembro, Ourense converteuse no escenario de marionetas, títeres, acróbatas e zancudos que se pasearon polas rúas, o Auditorio Municipal, o Teatro Principal e o Edificio de Ferro facendo as delicias de nenos e maiores. “Desde o nacemento da MOTI a resposta por parte dos ourensáns foi moi boa, este ano conseguimos cheos totais en todas as funcións”, comenta Fernando Dacosta, director do certame, moi satisfeito cos resultados colleitados “froito da calidade das representacións e das compañías e dunha boa organización e traballo en equipo”. Esta boa acollida por parte do público ten que ver “en parte coa procura dun ocio formativo por parte dos pais”, explicou Dacosta, xa que “as obras teatrais ademais de entreter son educativas”.
Non hai que esquecer que, nesta edición a MOTI tiña tamén unha vertente solidaria, destinando parte dos ingresos pola venda de entradas a ONG UNICEF, “aínda que non se teñen as cifras definitivas, só no campus recadáronse 1257 euros”, dixo Dacosta.

Espectáculos para todos

Nos cinco días que durou o certame, a MOTI ofreceu títeres, marionetas de fíos, representacións con actores e teatro para bebés. Un total de 3100 persoas contabilizáronse nos recintos pechados, aínda que a esta cifra hai que engadir o numeroso público que asistiu aos desfiles de zancudos e acróbatas e as accións teatrais a pe de rúa, o que se traduce en preto de 4000 asistentes. O Auditorio Municipal, que acadou os 1400 espectadores aproximadamente, foi o que rexistrou a maior afluencia. Por outra banda, o Teatro Principal, a pesar de ter menor aforo, contou con 1200 asistentes. Por último, a sala multiusos do Edificio de Ferro, escenario das representacións para bebés, acolleu preto de 500 espectadores.
Para Dacosta, “este tipo de iniciativas son precisas, ofrécennos outro xeito de entender a vida e afástannos un pouco do mundo ao que estamos afeitos”. Este certame de teatro infantil e, sobre todo, tendo en conta as datas nas que se celebrou, “sirve para unir máis a pais e fillos que ás veces non realizan moitas actividades xuntos”, explicou o director da Mostra.

Teatro para bebés

O teatro para bebés apareceu por primeira vez na anterior edición da MOTI e debido a boa acollida por parte do público repetiu na programación deste ano. Este tipo de espectáculo ofrece unha variante das artes escénicas na que o texto pouco importa e son os estímulos sensoriais, a música e o movemento os protagonistas do espectáculo.
Nesta segunda edición foron dúas as obras teatrais deste tipo, recomendadas para bebés de seis a tres anos. Pacama e Anda, das compañías Katarsis e La casa incierta, fixeron sorrir aos máis pequenos baixo a atenta mirada dos adultos que os acompañaron. Dende o punto de vista do director da Mostra, “o éxito destas representacións nace do desexo dos pais de introducir aos nenos no mundo do teatro e de ver como reaccionan ante este tipo de espectáculos”.