DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O II Encontro Nacional sobre Razoamento Xudicial e Administración de Xustiza afonda nesta cuestión

A motivación separa a xustiza da xente en casos de violencia de xénero

Os expertos salientan a dificultade probatoria dos delitos que teñen lugar no ámbito íntimo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 18/11/2011
Os casos de violencia de xénero están sempre rodeados dun contexto emocional especialmente intenso. Sen embargo, a administración de xustiza ten que aterse aos seus procedementos como en calquera outro delito. O xuíz ten que motivar as súas sentenzas en base á interpretación das leis e á valoración das probas, nestes casos especialmente difícil por suceder os feitos no ámbito íntimo. Prodúcense entón sentencias que a sociedade non entende e que os xuíces queren facer entender. Para afondar nesta e outras cuestións, o campus de Ourense acolle este venres e sábado o II Encontro Nacional sobre Razoamento Xudicial e Administración de Xustiza.

A cita, organizada polo profesor Guillermo Suárez Blázquez e coordinada polo profesor Pablo Raúl Bonorino no marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, foi inaugurada este venres por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito; Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Pablo Raúl Bonorino e Mónica Vázquez, concelleira de Igualdade de Ourense, que colabora na iniciativa. As autoridades presentes quixeron felicitar aos asistentes polo encontro, pois, tal e como salientou María Lameiras “aínda temos que seguir debullando as variables que interveñen neste brutal feito que é a violencia de xénero”. Neste camiño, engadiu Mónica Vázquez, “todos os esforzos son imprescindibles para ter unha sociedade máis xusta”.

Trala inauguración oficial celebrouse un coloquio debate sobre a influencia do contexto na motivación das sentencias xudiciais en casos de violencia de xénero, co gallo da celebración o día 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. No coloquio participaron María Pinto, maxistrada do xulgado de violencia sobre a muller No. 1 de Móstoles-Madrid; Antonio Piña, maxistrado xuíz decano de Ourense; Juan Antonio García, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Léon; José María Sauca, profesor Titular de Filosofía do Dereito da Universidade Carlos III de Madrid, e Rosa Ricoy, profesora de Ciencias Políticas da Universidade de Vigo.

Os principios que non se entenden

Juan Antonio García, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de León, foi o encargado de introducir este tema presentando o divorcio entre o papel dos xuíces, que necesitan motivar as súas sentenzas, valorando as probas e interpretando as normas, e a percepción social do seu traballo. Ante esta situación o académico fixo un repaso polos principios do dereito que están na base desta fractura. Entre eles, lembrou a presunción de inocencia, “que supón que debe haber probas, máis que denuncias, rumores e desexos”; o feito de que quen debe probar os feitos é a acusación, non o acusado a súa inocencia, ou que se o xuíz dubida sobre o valor das probas debe absolver ao acusado.

“Temos que intentar ser obxectivos e non querer eliminar un problema xerando outro maior”, advertiu García Amado. O catedrático salientou que os delitos de violencia de xénero “acontecen no ámbito íntimo, as cousas ocorren de portas para dentro, e iso implica unha difícil comprobación dos feitos, e xa non falemos dos aspectos psicolóxicos implicados”. Na súa opinión, este tipo de delitos son “particularmente odiosos” pero tamén son un “campo especialmente propenso para as denuncias falsas, buscando efectos civís ou sociais pola vía penal".

Presentación do libro Introdución á Teoría do Dereito

No marcos destas xornadas Pablo Raúl Bonorino tamén presentou o seu novo libro Introdución á Teoría do Dereito, publicado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. O profesor, de orixe arxentina, quixo destacar a súa satisfacción pola publicación dun manual deste tipo en galego e sobre todo os seus contidos adaptados ás esixencias do EEES. “Coma todo manual, Introdución á Teoría do Dereito está destinado a ser porta de entrada para que os lectores acedan logo ás fontes primarias”.