DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada promovida polo grupo de investigación Observatorio de Gobernanza da Universidade

O movemento ‘Spanish Revolution’ chega ao campus dan man de sete directores de cinema independente

Coa colaboración da Asociación de Cinema Documental (DOCMA) e da Vicerreitoría

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 12/11/2013

Sete curtametraxes, realizadas por algúns dos creadores máis destacados do cine periférico estatal, proxectáronse este martes na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ante o alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública e máis do mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional, convidándoos a reflexionar e achegándoos aos movementos sociais máis recentes e ás causas que os orixinaron. O grupo de investigación Observatorio da Gobernanza (G3) da Universidade de Vigo achegou ata o campus pontevedrés, xunto coa Asociación de Cinema Documental e a Vicerreitoría, esta sesión de curtas denominada Spanish Revolution, “nun intento por observar, analizar e comprender a través destas pezas unha sociedade debilitada pola crise e a rapiña política e financieira”, explicou o programador de DOCMA, David Varela.

Despois de pasar pola Rambleta de Valencia, o MARCO, o Museo de Arte Contemporáneo de Castela e León, a Térmica de Málaga e incluso a cidade de New York, da man da Universidade Carlos I, este ciclo de curtametraxes chega agora a Pontevedra. O nexo que une todas e cada unha das pezas que compoñen Spanish Revolution “é unha mirada crítica e nada compracente sobre a crise económica, as súas consecuencias e as reaccións sociais que estas traen consigo, afastándose dos convencionalismos cinematográficos e da propaganda”, subliñou David Varela. Trátase pois dun conxunto de visións moi persoais sobre o contemporáneo onde o risco, o humor, a experimentación e a subxectividade creativa van da man.

Ao remate do visionado, os profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Enrique Varela, Álvaro López Mira e Beli Martínez intercambiaron opinións co alumnado presente no salón de graos sobre as curtas e o movemento 15-M ou tamén chamado Spanish Revolution. O decano do centro, Juan Manuel Corbacho, tamén quixo participar neste debate audiovisual achegando a súa visión ao respecto antes do visionado das pezas.

As orixes dun ciclo viaxeiro

Coincidindo co segundo aniversario da creación do movemento social e das protestas multitudinarias do 15 de maio, a Asociación de Cinema Documental levou a diferentes puntos de España, Europa e Estados Unidos unha escolma de curtametraxes que falan directa ou indirectamente destes movementos, das causas que os orixinaron, do seu presente e da súa continuidade dende a perspectiva dalgúns dos directores máis destacados do cinema independente estatal entre os que destacan o propio programador do DOCMA, David Varela, Flavio G. García, Jorge Tur Moltó, Guillermo G. Peydró, o Colectivo Los hijos ou Isaki Lacuesta.