DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada de portas abertas en Filoloxía e Tradución

Mozos e mozas déixanse conquistar polo encanto das humanidades

Estudantes de 2º de bacharelato achegáronse á oferta de graos e mestrados do centro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 28/04/2011
Interesados nas múltiples posibilidades de traballo internacional que dá o coñecemento de linguas este xoves visitaron a Facultade de Filoloxía e Tradución un grupo de estudantes de 2º de bacharelato de varios institutos de Vigo. A piques de rematar o curso e afogados pola presión dos exames, fixeron un oco nas súas axendas para coñecer de preto a oferta que lles ofrece o centro con maior oferta de títulos de grao do ámbito das humanidades da Universidade de Vigo.

Recibidos pola decana, Rosa Pérez, e representantes dos diferentes departamentos dun centro no que imparten docencia case 150 profesores, as mozas e mozas recibiron variada información sobre cada un dos graos que se imparten na facultade -Tradución e Interpretación, Linguas Estranxeiras e Estudos de Galego e Español-, así como do abano de mestrados aos que poderían optar unha vez rematada a titulación elixida.

Moita dúbidas vs ideas claras

Algúns chegaron xa coa idea clara e “inamovible” de a que se van dedicar profesionalmente, mentres que outros admiten que na súa cabeza barallan aínda varias posibilidades e agardarán ata última hora para decidirse. Iria Aubourg, do instituto Alexandre Bóveda, acudiu á visita “para coñecer máis de preto o centro e os estudos do Grao en Estudos de Galego e Español”. Co convencemento de quen ten unha opción clara subliña que “encantaríame ser docente de literatura no ensino secundario”. Outro compañeiro, Antón Moral, elixiu tamén a mesma opción de grao, se ben no que a futuro laboral se refire, recalca que “con tal de traballar en algo relacionado coa lingua doume por satisfeito”. Menos claro teno Adrián Montes “non acabo de decidirme, o xornalismo é algo que tamén me gusta e que non descarto”.

Sorprendidos polos cambios que experimentou o mapa de titulacións nos últimos anos, a Gael Contreras aínda se lle escapa que vai estudar Filoloxía Inglesa, en lugar do novo Grao en Linguas Estranxeiras, unha opción que ademais de lingua inglesa lle vai permitir tamén achegarse ao francés, alemán e portugués.

Futuro laboral

Con moitas dúbidas sobre as posibilidades do seu futuro laboral, non faltaron exemplos de exalumnos e alumnas do centro, “repartidos hoxe por todo o mundo”, como subliñou a decana, dende o centro salientaron o forte acento internacional dun centro que cada ano recibe e envía máis estudantes de intercambio. “É unha opción a que non debedes renunciar”, subliñoulles a profesora Susana Cruces, ao que Jorge Luis Bueno lles engadiu que “cada vez son máis as persoas que perfilan o seu futuro laboral combinando as súas linguas de formación coas que aprende neste tipo de experiencias, un abano que vai dende o polaco ata o finés”, ao que Cruces engadiu que “unha vez que tes as capacidades básicas e dominas os mecanismos de traballo, podes aplicalo aos idiomas que queiras”.