DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do ciclo Novas creadoras, novos valores que promove o Concello de Vigo

A muller no audiovisual galego dende o punto de vista das últimas en incorporase ao sector

Nunha mesa redonda moderada pola profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación Anna Amorós

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 07/11/2013
O talento e o camiño que aínda lles queda por percorrer é o nexo que une a todas as mulleres que a día de hoxe están a traballar no sector audiovisual galego. Visibilizar o seu traballo e o papel que representan como novos valores no campo da creación artística así como analizar a súa situación dende o punto de vista do xénero foi a temática elixida polo Centro de Documentación e Recursos Feministas do Concello de Vigo, para abordar nunha mesa redonda celebrada na cidade olívica e na que participaron tres ex alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Beatriz Barros, Noel Queipo e Alba Sotelo, xunto á profesora deste centro Anna Amorós que exerceu de moderadora.

Para “quentar motores” Anna Amorós fixo balance da presenza da muller do sector audiovisual galego, incidindo no labor “que cada vez máis desempeñamos como directoras, guionistas e, en menor medida, como produtoras”. Desmiuzando datos, a profesora do campus pontevedrés salientou a “notable diferenza” que existe na presenza real do home e da muller neste campo aínda que tamén subliñou o “boom” experimentado nos últimos anos en relación á presenza masiva da muller naqueles estudos superiores vinculados co sector audiovisual.

Beatriz Barros, titulada en Comunicación Audiovisual, falou ante os asistentes da súa experiencia persoal e profesional neste eido ao tempo que aproveitou a súa intervención para presentar o Proxecto C3. Camina. Cimenta. Crea no que tamén traballa Noel Queipo. Na súa quenda, Barros subliñou o feito de que a través desta iniciativa, premiada polo INJUVE, rememórase, a través de tres pezas audiovisuais, a vida da bailarina Bela Otero, a pintora Maruja Mallo e a actriz María Casares. Pola súa banda, Queipo explicou ante o público o porqué dos formatos empregados para lembrar a cada unha destas mulleres, unha videocrecación, un documental ficcionado e unha curtametraxe, respectivamente. Xa por último, interveu Alba Sotelo, foto xornalista do xornal El Diario de Pontevedra, quen amosou unha escolma do seu traballo no que se podía albiscar a beleza dos momentos diarios dunha muller nas rúas da cidade do Lérez.