DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A experta Lourdes Muñoz afondou nas oportunidades que ofrece internet para a igualdade de xénero

A muller faise forte na rede

A vicerreitora do campus anunciou a creación dunha asociación de mulleres en 'social media' dende a

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 01/06/2012

Aínda que semelle “cousa de homes”, internet é o espazo “ideal” para as mulleres. Así o defendeu a enxeñeira Lourdes Muñoz, ex deputada do congreso e firme impulsora da igualdade de xénero, nunha conferencia na Casa das Campás sobre as oportunidades que ofrece a rede para potenciar a presenza feminina na sociedade. Convidada polas profesoras Mari Lires e Purificación Mayobre, esta experta sinalou que o mundo virtual, dada a ausencia de xerarquías, “convértese no espazo idóneo para que as mulleres actuemos e nos fagamos fortes a través da creación de novos vínculos”, explicou Muñoz.

Lourdes Muñoz contou co apoio da vicerreitora do campus, Antonia Blanco, que aproveitou o acto para anunciar a futura creación dende a Universidade de Vigo dunha asociación de mulleres en social media. “Unha das principais liñas de actuación desta institución é a procura da igualdade de xénero en todos os ámbitos e esta conferencia para o desenvolvemento da muller nos medios sociais segue a filosofía de traballo do noso campus que continuará no vindeiro curso con novas iniciativas”, declarou a vicerreitora.

Especialistas na creación de redes

Pero, porque internet é un nicho de oportunidades para a muller? A convidada sinalou que este medio dixital non é máis que unha rede de nodos planos na que non existe ningún tipo de xerarquía, o que lle permite ao usuario actuar con plena liberdade. “Na historia, un dos principais problemas cos que se atopaba a muller era o xogo de clases e neste sentido a rede é igualitaria, non hai un nodo por riba de outro”, apuntou a experta que destacou ademais a habilidade innata feminina de crear redes de contactos, polo que “a estrutura democrática do mundo virtual e a experiencia de actuar en rede converte a internet nun espazo excelente para o desenvolvemento profesional e persoal da muller”, aclarou Muñoz. Así, en cantas máis redes participe, “máis forte, máis presente e máis apoiada se sentirá, comprobando que non está soa ante a adversidade”.

Que internet sexa un espazo aberto facilita a divulgación de publicacións femininas e crea campos de actuación para aqueles colectivos con menos poder. “Outro problema histórico das mulleres era a dependencia que tiñamos de outros para que as nosas obras fosen publicadas, pero agora está nas nosas mans e non precisamos que ninguén nos diga si”, lembrou Muñoz, polo que animou a todas as mulleres, dende profesionais a amas de casa, a publicar e escribir as súas inquedanzas en rede “porque todas temos algo que dicir de interese”. Non obstante, confesou que a nivel xeral a muller aínda non é consciente do potencial que lle ofrece internet polo que destacou a necesidade de desenvolver unha campaña de concienciación que informe da idoneidade do espazo. “En plena sociedade en rede do século XXI existen os conectados e os desconectados, pero vivir no segundo estado supón estar condenado a ter menos oportunidades en todo na vida”, advertiu.

Por outra banda, esta ex deputada do congreso tamén lanzou unha mensaxe aos gobernantes para evitar que desaparezan os programas públicos sobre alfabetización dixital, pois “nestes momentos o acceso ao coñecemento e ás relacións é a clave do éxito”, declarou a experta que engadiu a importancia de formar neste eido ás mulleres “que representan máis da metade da poboación”, concluíu.