DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolleu o concerto-teatralizado ‘I´ll be watching you’ sobre a perspectiva de xéne

A muller non é como a cantan

O grupo Chévere reivindicou a necesidade dun espírito crítico fronte a determinadas cancións románti

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 16/11/2011

Te compro a tu novia ou Si se porta mal, dale con el látigo son dúas cancións que muitas persoas bailan nunha verbena de verán pero, realmente somos conscientes da mensaxe que están a lanzar? Para reflexionar sobre os valores de xénero e os roles equivocados do home e da muller que agochan as cancións comerciais de temática amorosa, a Casa das Campás acolleu este mércores o concerto teatralizado I´ll be watching you, promovido pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo en colaboración coa Vicerreitoría do campus de Pontevedra, para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o vindeiro 25 de novembro.

O grupo de teatro Chévere é o responsable desta actividade, liderada pola actriz Patricia de Lorenzo, moi comprometida co desenvolvemento da perspectiva de xénero dende o espectáculo. Como explicou a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, na presentación do evento, “é importante que a Universidade de Vigo axude no labor de concienciación contra a violencia de xénero, amosando que dende a cultura tamén se pode combater este fenómeno que debe desaparecer da nosa sociedade”.

En este caso, I´ll be watching you quere facer reflexionar ao espectador sobre os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa da música comercial, “que escoitan os rapaces e rapazas no instituto e que soan en calquera espazo público, nun supermercado, nunha perruquería ou nun párking”, explicou a actriz. O verdadeiro obxectivo que persegue este espectáculo é promover un pensamento crítico entre o público, cuestionando os estereotipos de home e de muller que as cancións acostuman a reproducir, como a cosificación da muller, o sentimento de propiedade sobre a outra persoa, problemas de autoestima, relacións desiguais… Segundo Patricia de Lorenzo, “todos, absolutamente todos, bailamos estas cancións en calquera romaría e ao mellor deberíamos pensar de que mensaxe estamos sendo cómplices”.

Unha cantante que confesa que foi maltratada en directo

Como se dun concerto se tratase, os actores saltaron ao escenario recreando a actuación dunha orquestra “de pachanga”. Yeni, a vocalista, e Dami, o guitarrista, aparentemente interpretaban un típico repertorio musical, versionando os éxitos do pop actual. Sen embargo,chegado un momento concreto unha actuación mestura música cunha historia na que a cantante acaba revelando que sofre maltrato por parte da súa parella sentimental. “Aproveita as pausas entre tema e tema para facer unha relectura das letras que vai cantando e para debullar as causas do hematoma que ten na cara, coa finalidade de concienciar ao público que non deixe pasar o máis mínimo indicio de maltrato”, sinalou a actriz.

O repertorio escollido baseouse nunha selección de once cancións entre as que se encontraban Every breath you take de The Police, da que salientaron os sentimentos de control sobre a parella; If I were a boy, de Beyoncé, para falar dos estereotipos de home e muller; o merengue Te compro a tu novia, para sinalar a muller como obxecto de intercambio; o reggeaton Dale con el látigo, na que se xustifica a violencia de xénero… “O repertorio podería ser infinito porque na actualidade son constantes as cancións que representan á muller como a eterna sufridora e ao home como o típico conquistador. Sinceramente é moito máis difícil atopar material musical que escape deste concepto de amor”, puntualizou Patricia de Lorenzo.

I´ll be watching you tamén será representada nos campus de Vigo e Ourense, o vindeiro 29 e 30 de novembro respectivamente, na Escola Universitaria de Estudos Empresariais e na Cafetería da Biblioteca de Ourense.