DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acollerá desde o 6 de febreiro a exposición 'Xénero e artes visuais na Uvigo'

A muller como protagonista da historia e da creación

Un ciclo de documentais completa unha iniciativa enmarcada no festival 'Miradas de mulleres 2014'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 29/01/2014

A creación artística impulsada por mulleres ou centrada en temáticas de xénero protagonizará a actividade da Sala X nas próximas semanas por partida dobre. Por unha banda, este espazo expositivo acollerá desde o 6 de febreiro e ata o 26 de marzo a exposición Xénero e artes visuais na Uvigo, que fai balance de boa parte das iniciativas levadas a cabo nos últimos anos desde a Universidade para abordar a cuestión de xénero desde o prisma das artes. Pero ademais, verase acompañada polo ciclo de cine documental Ollar de Mulleres, no que se proxectarán catro filmes que “miran ás mulleres desde novos lugares e novas posicións, lonxe das perspectivas tradicionais”, destaca o seu coordinador, o profesor Ángel Rodríguez Gallardo.

“Quixemos reunir algúns traballos que tiveron pouca divulgación ou que aínda están en desenvolvemento e que, quizais, se tiveran máis presenza social, axudaríannos a entender dalgunha maneira como son as miradas do audiovisual en feminino”, salienta este profesor do Departamento de Lingua Española. Integrado, xunto coa exposición que acollerá a Sala X, dentro dos actos do festival Miradas de Mulleres 2014, que o colectivo Mulleres nas Artes Visuais (MAV) promove por diferentes puntos de España, este ciclo de documentais aberto a toda a cidadanía contará coa presenza dos directores dos diferentes filmes, que protagonizarán os coloquios que se desenvolverán despois de cada proxección.

Catro perspectivas sobre a muller

“A historia sempre se contou desde a óptica masculina”, engade Rodríguez Gallardo, responsable dun ciclo que trata de abordar o mundo do documental desde unha perspectiva feminina, que dará comezo o 13 de febreiro ás sete da tarde co visionado na Sala X de Doli, doli... coas conserveiras. Este filme de Uqui Permui amosa “un conflito laboral protagonizado e liderado por mulleres nun mundo empresarial dominado por homes”, o peche realizado polas traballadoras da conserveira Odosa, da Illa de Arousa, en 1989. Sete días despois, proxectarase Dez centímetros máis preto do ceo, un proxecto da realizadora galega Raquel Rei que “formula unha reflexión moi interesante sobre o que supoñen os zapatos de tacón a partir das opinións das propias mulleres que os poñen ou daquelas que nunca os porían, xunto coas de profesionais como podólogos ou zapateiros”, relata o coordinador deste ciclo.

O propio Rodríguez Gallardo será, xunto coa investigadora da Universidade Victora Martíns, o protagonista do coloquio que o 27 de febreiro sucederá á terceira proxección, xa que ambos son os auotres de Digna rabia. A través dos testemuños de varias xeracións de galegas, ambos trazan neste filme un “retrato coral dos agravios que padeceron as mulleres durante o franquismo" . Por último, Ollar de mulleres pecharase o 6 de marzo coa proxección dun documental que aínda está en fase de elaboración, Contraaluz, de Teo Manuel Abad. Nesta última sesión, combinarase o visionado de parte deste traballo co relato do director de como foi o proceso de elaboración dun documental no que “se enfoca a violencia de xénero desde unha perspectiva totalmente diferente, a das mulleres maltratadas que se adestran nos ximnasios para enfrontarse aos seus maltratadores tras darse de conta de que o último campo de dominio que tiñan os homes sobre elas era o da violencia física”, explica o coordinador deste ciclo.

Balance artístico en clave de xénero

Estas catro proxeccións insírense dentro das iniciativas promovidas desde a Sala X no marco do festival Miradas de Mulleres 2014, que completa o balance artístico polas múltiples iniciativas desenvolvidas no ámbito da Universidade dos últimos anos que suporá a exposición Xénero e artes visuais na Uvigo. “Vanse destacar algunhas das exposicións que se fixeron de mulleres artistas exclusivamente o que abordaron temáticas de xénero tanto na Sala X como na Sala Alterarte, en Ourense”, explica a profesora de Belas Artes Mar Caldas, responsable do espazo no que se exhibirá esta mostra entre o 6 de febreiro e o 16 de marzo.

A través dunha escolma de obras e de fotografías, xunto con proxeccións ou información documental, nesta mostra tentarase “recompilar o que se ten feito en materia de xénero non a nivel teórico, senón de artes visuais”, explica Caldas. Por iso, formarán parte desta iniciativa as postais elaboradas nas tres edicións do proxecto de visibilización de mulleres artistas, como tamén o farán as máis de 70 performances feitas por mulleres ao longo das dez edicións do festival Chámalle X, neste caso, a través de proxeccións que se repetirán en bucle na sala. Así mesmo, en Xénero e artes visuais na Uvigo haberá tamén espazo para informar do traballo desenvolvido no grupo de investigación ES2 de Belas Artes, que dirixe a catedrática Yolanda Herranz, “o único que ten liñas de investigación dedicadas a xénero e do que se fará un repaso da súa actividade, ademais de incluír na exposición as obras das investigadoras”, explica Caldas.