DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de doutoramento de Manuel García determina un sistema de calidade segundo as necesidades do u

A muller rural galega busca no deporte exercicios de mantemento cun monitor de confianza

O autor deste estudo pioneiro está aplicando os resultados no concello de A Estrada

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 22/01/2013

Para deseñar un bo programa de exercicio físico hai que ter en conta as preferencias do público ao que vai dirixido. Dende esta óptica, o investigador Manuel García foi quen de definir na súa tese de doutoramento o que máis valora a muller rural galega dun servizo deportivo para establecer un sistema de calidade que avalíe “á actividade en función das necesidades da demanda”. Tras unha análise das súas preferencias, o investigador conclúe que este perfil de muller “busca unha ximnasia de mantemento da saúde mesturada con exercicios de tonificación impartidos por monitores de confianza que sexan quen de crear un ambiente lúdico e social arredor da práctica deportiva”.

A tese de doutoramento de Manuel García convértese no primeiro estudo que mide o grao de satisfacción da muller rural galega en función da calidade percibida á hora de realizar o exercicio físico. “Un servizo público non ten sentido se non se construíu segundo o que o usuario ou usuaria quere”, apunta García, de aí que decidira analizar o que este grupo de estudo valora antes, durante e despois de desenvolver a actividade deportiva. No momento de contratar o servizo, estas mulleres danlle prioridade “absoluta” á propia actividade a realizar, escollendo nunha porcentaxe importante exercicios mantemento, tanto para regular o peso como “para levar unha vida máis saudable”. Unha vez comezada a práctica, os monitores van gañando importancia para as mulleres, “ata tal punto que se o instrutor non é agradable, próximo e de confianza, se non as fai sentir cómodas, poden chegar a cambiar de clase”, sinala García. Unha vez que finalizaron a actividade, as mulleres séntense máis satisfeitas se o programa de exercicios se desenvolveu nun contexto distendido e fluído “no que ademai,s da actividade física, houbera unha compoñente de diversión e entretemento”, cuestión que depende “na súa totalidade” da actitude do monitor.

Ximnasia na casa-escola

Sen embargo, o investigador resalta que, a diferenza doutros sectores da sociedade, a muller rural galega concede pouca importancia á calidade das instalacións, xa que prefire un espazo que sexa próximo e propio, como a casa-escola da parroquia, antes que a especialización e o nivel de equipamento dun ximnasio de grandes dimensións. “Esta preferencia por unha instalación non deportiva contradí a estudos anteriores que recollían a imposibilidade de ofrecer programas de exercicio no rural dada a falta de pavillóns, xa que, como se comprobou, non son necesarios para satisfacer as súas necesidades”, advirte García. Por outra banda, a variable prezo tampouco xoga un papel relevante na valoración da calidade deportiva, “moi probablemente porque a maioría son actividades subvencionadas polos organismos públicos”.

A muller rural galega, un segmento emerxente

Manuel García decidiu estudar o perfil da muller rural porque considera que é un núcleo emerxente en Galicia. “A nosa comunidade ten unha estrutura administrativa peculiar na que abundan pequenas parroquias moi próximas ás cidades, pero que se seguen considerando igual espazo rural“. Para o investigador, este fenómeno explica a evolución do perfil da muller rural galega, “pasando de ser unha señora maior con dous empregos que non cotizaba e sen tempo para a actividade física” a unha muller máis “urbanizada”, máis nova, cunha maior formación académica “e cun maior abano de motivacións que se deben ter en conta e cubrir”. Para este estudo, García tomou como mostra ás donas inscritas na Asociación das Mulleres Rurais da Xunta de Galicia, “que conta cunha elevada representación en toda a comunidade e que ten como único requisito o sentimento de pertenza a ese grupo”.

Tras establecer un sistema de calidade deportiva capaz de medir o grao de satisfacción da muller rural galega, Manuel García esta poñéndoo en práctica en A Estrada. Como responsable da xerencia do Recreo Cultural do concello, tamén ten a intención de extrapolar o sistema de medición de calidade percibida “a outros eidos, como o cultural e o social, e a outros públicos, como o infantil”.