DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profundidade do Informe Diagnose da Igualdade sitúa á institución na vangarda

As mulleres comezan a romper o seu teito de cristal na Universidade de Vigo

Percíbense avances na incorporación da muller ao 3ª ciclo, pero seguen existindo sombras

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 23/04/2010

Se a creación da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas, a posta en funcionamento da Área de Igualdade (antes incluso de que fose un imperativo legal) ou a impartición de mestrados sobre estudos de xénero situou á Universidade á vangarda das universidades españolas na preocupación pola perspectiva de xénero, esa aposta como liña estratéxica vén de ser ratificada. A presentación do Informe Diagnose da Igualdade na Universidade de Vigo é un documento exhaustivo, profundo, pioneiro e sobre todo “un punto de partida para as futuras políticas de igualdade da institución”, segundo explicou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza. Este compromiso da Universidade, que se recolle no Plan Estratéxico, require a toma de decisións e posta en marcha de políticas, para o que esta diagnose é un paso previo, o xermolo das futuras propostas, do futuro Plan de Igualdade.
Impulsado polo Consello Social e elaborado polas profesoras Amada Traba e Luz Varela, este informe reflicte a situación actual da comunidade universitaria dende unha perspectiva de xénero, para o que se estudou tanto ao colectivo do estudantado como do PAS e o PDI. Por este motivo, pola súa profundidade e amplitude, pola súa contextualización e pola súa dimensión histórica “esta é unha diagnose pioneira en España” explica Amanda Traba. Do estudo, as autores destacan a súa perspectiva pedagóxica, xa que non trata só de informar “senón tamén de formar” pero tamén salientan a súa diagnose participativa, “fomos moi ben recibidas en todas partes e contamos coa colaboración de toda a comunidade universitaria”.

Luces e sombras

O estudo realizouse a través dunha enquisa á toda a comunidade así como mediante entrevistas persoais, análise dos servizos e oficinas, dos plans de estudo, da documentación e comunicación da Universidade, etc. Para Traba e Varela, o resultado reflicte claramente “luces e sombras, xa que a Universidade ten puntos fortes moi claros, como a súa aposta estratéxica pola igualdade, a creación da área ou os estudos de xénero e as investigacións ao abeiro da cátedra”, pero adoece de eivas e problemas, “que debemos converter no punto de partida das futuras políticas”. Este é a finalidade última do informe, coñecer a realidade para poder logo avanzar no deseño de futuros programas, “unha ferramenta importantísima para a Área de Igualdade”, segundo puntualizou a súa directora, Carmen Quinteiro.
A diagnose reflicte que nos últimos anos se ten avanzado moito no que se refire á sensibilidade, “agora loitar pola igualdade xa non é motivo de mofa”, pero queda moito por traballar. Que as mulleres son maioría na Universidade é un feito, representan o 53,35% do estudantado, mentres que nos estudos de doutoramento son un 60,53%, algo que destacou Amada Traba, “xa que nos últimos anos se converteron en maioría” nun feudo antes masculino, sendo a universidade galega con máis crecemento neste contexto. Ademais de ser maioría son tamén mellores, as súas cualificacións son máis altas e son maioría no rango de cualificacións entre o 9 e o 10, polo que botan tamén menos tempo na universidade. Pero este rendemento académico non se reflicte á hora de inserción laboral e esta é unha das debilidades da Universidade, segundo apuntou Traba, “debemos adoptar un compromiso coa inserción das nosas egresadas”.
A desigualdade na universidade está claramente estratificada tanto horizontal como verticalmente. As mulleres predominan nos ámbitos da saúde, científico e xurídico social, pero o tecnolóxico está claramente masculinizado, con tan só un 26% de mozas e diminúe a súa presenza a medida que aumenta a responsabilidade da súa posición.

Minoría no PDI e maioría no PAS

O desequilibrio trasládase tamén ao persoal docente e investigador. Un exemplo é a proporción de catedráticos, un por cada 4 profesores titulares e un de 11 no caso das catedráticas. As mulleres eran un 36,35% do PDI no 2008, “o que supón unha tendencia levemente positiva” e as mulleres investigadoras principais representan “no mellor dos casos un 30% e acceden a tan só ao 17% dos recursos”.
O caso contrario dáse no PAS. Entre o persoal da Universidade as mulleres son un 60,75% e a segregación, neste caso, é vertical, a máis responsabilidade menos presenza feminina na estructura funcionarial. Entre outros datos, as investigadoras salientaron a gravidade do caso da representación sindical, na Xunta do PAS os homes son un 69%, algo que non reflicte a realidade. No tocante a cargos de reponsabilidade, tanto entre o PAS como entre o PDI, a presenza de donas é menor, sobre todo canto máis alta é a reponsabilidade e destacaron que hai centros nos que nunca houbo unha muller no seu equipo directivo, sobre todo no ámbito tecnolóxico.

Ser participativos, ofrecer propostas e recomendacións

Unha das potencialidades desta diagnose fronte ás realizadas noutras universidades, é a capacidade de ofrecer propostas e recomendacións para acabar coas debilidades e potenciar os puntos fortes. Entre as ideas que ofrecen as investigadoras salientan a importancia de potenciar a Área de Igualdade, elaborar datos desagregados por sexo, facer os orzamentos por perspectiva de xénero, incorporar sistematicamente esta perspectiva ás materias e programas docentes, poñer en marcha accións formativas, apostar pola conciliación, incentivar a investigación realizada por grupos cuxo IP sexa unha muller, promover entre o alumnado a elección de titulacións non baseadas en roles tradicionais, garantir a paridade nos órganos de goberno, traballar na prevención de situacións de acoso ou violencia ou a elaboración dun sistema de indicadores de xénero, ademais de apostar claramente pola cultura da igualdade e a sensibilización e a información. Finalmente as autoras quixeron subliñar o carácter vivo deste informe e destacaron a necesidade de telo permanentemente actualizado, para poder observar a evolución da situación, as melloras, os cambios ou as necesidades en cada momento.