DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Supoñen o 90% de graduados en Filoxía, o 80% en Química e o 70% en Economía

As mulleres copan as graduacións de Economía, Química e Filoloxía

A exministra Elena Espinosa e o reitor compartiron cos novos profesionais a súa despedida das aulas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 10/06/2011
As mulleres copan cada vez máis as aulas universitarias e isto é algo que se reflicte tamén nas graduacións. Así se demostrou nos tres actos que acolleu este venres o campus vigués: filoloxía inglesa, cun 90% de graduadas; Economía, onde o 70% eran tamén mulleres e Química cun 80% de tituladas fronte a un 20% de titulados.
Cerimonias distintas, profesionais que van vivir realidades laborais que nada teñen que ver, pero en todas a mesma mestura de satisfacción polos obxectivos acadados e inquedanza por un futuro laboral que esperan ansiosos e conscientes de que a situación coa que se van atopar non é a que eles desexarían.

Ao seu carón, familiares e amigos, “sempre incondicionais” viviron con eles o esperado momento, un acto que tampouco quixeron perderse, o reitor, Salustiano Mato; decanos e claustros de profesores de cada un dos centros e os respectivos madriñas e padriños das diferentes promocións.

Reivindicando o importante papel dos economistas

20 mozas e 14 mozos dispostos a pór o seu gran de area para acadar un mundo mellor. Todo un reto, sen dúbida, ao que se enfrontan os novos economistas que hoxe celebraron a súa graduación. Para comezar consellos non lle faltaron, Colexio de Economistas, profesores, reitor e, sobre todo, “unha madriña de excepción”, como eles mesmos definiron, esforzáronse en debuxarlle un mundo que ten como esencia básica “mirar sempre cara adiante”, como lles subliñou a exministra socialista Elena Espinosa, economista de formación, que non dubidou en insistirlles en que “posuídes unha formación polivalente e adecuada ás necesidades da sociedade actual e estade seguros de que tendes cabida nun amplo abano de sectores”.

Ademais de felicitar aos novos licenciados e ás súas familias, “pois xa acadastes o primeiro reto que vos marcastes na vosa vida profesional”, o reitor aproveitou a ocasión para “presumir e pór en valor” a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus “a mellor facultade de Economía de toda Galicia e unha das mellores de España, tal como demostran diferentes ránkings e estudos”.

Animounos tamén o profesor Carlos de Miguel quen lles insistiu na versatilidade dunha titulación “que vos abrirá moitas portas e vos pechará poucas”, e a representante do Colexio de Economistas, Lucy Amigo, quen lles anunciou que terían o primeiro ano de colexiados totalmente de balde.

Filólogos, unha “aposta valente polas humanidades”

A graduación dos especialistas en Filoloxía Inglesa, case os últimos licenciados desta titulación que saen á rúa das aulas viguesas, foi unha celebración “en familia”, como eles mesmos indicaron. Nove mozas e un mozo, que apostaron por unha formación en humanidades pese ás dificultades económicas do mundo actual, tal como lles lembrou a súa madriña, a profesora, Dolores González, quen non dubidou en insistirlles en que “pese a que as cousas están difíciles, si credes no que facedes non haberá nada que se vos resista”.

Ela non foi a única en animalos, fíxoo tamén o seu padriño, o profesor Jorge Luis Bueno, quen “unha vez máis e aproveitando a oportunidade que me dades de impartir a vosa última lección maxistral” lles falou de poesía, nas súas múltiples formas e aspectos, pero tamén da importancia de loitar pola educación “nun mundo no que a preocupación polo urxente nos está facendo perder a paixón polo importante”. Ao seu carón, a decana do centro Rosa Pérez e o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas quixeron coa súa presenza felicitar tamén aos novos graduados”.

Químicas ou paixón por ser “ratas de laboratorio”

Na Facultade de Química foi tamén unha tarde de nostalxia e emoción. Con sentimentos compartidos e algunha que outra bágoa na faciana, graduouse a XV Promoción de Química, composta por doce mulleres e tres homes, “auténticas ratas de laboratorio, sempre pegados aos nosos aparellos e ás batas brancas”.

Acompañados pola vicerreitora de Investigación, Asunción Longo; a decana da facultade, Soledad García Fontán e o decano do Colexio de Químicos de Galicia, Antonio Macho, alumnas e alumnos, agora xa titulados, foron os auténticos protagonistas.

Protagonistas tamén foron os profesores Rosa Carballo e Antonio Ibáñez, que exerceron de padriños, “xa que fostes os profesores que máis marcastes o noso paso pola facultade, por ser tan próximos e por darnos a seguridade de que ides estar sempre aí”.