DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total a Xunta galardoou 22 estudantes da Universidade de Vigo, 17 mozas

As mulleres dominan nos Premios Fin de Carreira de Galicia

A maioría destes mozos e mozas de traxectoria excelente optaron por continuar os seus estudos cun me

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 26/06/2012

En todos os eidos do coñecemento, a Xunta de Galicia recoñece os mellores expedientes académicos da Universidade de Vigo e faino con nome de muller. Dos 22 galardoados na institución viguesa 17 son alumnas e tan só 5 alumnos, un esquema que reflicte a puxante presenza feminina en eidos que tradicionalmente eran masculinos, como o científico e o tecnolóxico. Con todo, as enxeñarías seguen sendo terreo dos homes xa que, a excepción de Enxeñería Industrial, os premios fin de carreira neste campo lévannos os mozos.

Para moitas das premiadas a transformación nas aulas é evidente, como explica Noelia López, premio Fin de Carreira en Comunicación Audiovisual, que apunta que “é algo representativo do cambio que se leva producindo xa desde hai anos no panorama universitario, non só galego senón tamén español. As mulleres somos maioría nas aulas polo que non é de estrañar que esa maioría se reflicta nestes premios”. Para ela, este galardón é un recoñecemento a 4 anos de excelente traballo e cualificacións, “pero tamén supón unha axuda económica para a miña formación, unha axuda que nos tempos nos que vivimos con suba de taxas e diminución das bolsas valórase aínda máis”. López, que acaba de rematar unhas prácticas en Reino Unido dentro do programa europeo Leonardo Da Vinci, xa ten pensado o destino dos 2500 euros, que empregará para pagar parte dun máster, “aínda que tamén pensei en mercar algún algún equipamento audiovisual”.

Lucía Abalo, pola súa banda, pensa xa nunha viaxe a Francia. A ela o Premio Fin de Carreira correspóndelle polo seu expediente en Enxeñería Industrial, e considera que “a curiosidade que sempre tivo por aprender e entender foi fundamental para terminar a miña carreira cun bo expediente, e ademais recibindo este premio”. É unha boa mostra dos cambios profundos que se están a producir, aínda que Abalo sostén que “non existen diferenzas neste sentido, non na miña xeración; descoñezo como eran as cousas antes pero o máis desexable é que chegue o momento no que teñamos nin que consideralo, porque seguir dándolle voltas a este tipo de estatísticas fai que este debate siga presente, cando o fundamental é o valor do esforzo, a valoración xusta do mérito e a capacidade de cada un”. No seu caso, o seu expediente valeulle para acadar unha primeira bolsa na Axencia de Enerxía de Vigo, para pasar posteriormente a BlueMobility, Economics for Energy e, na actualidade, en PSA Peugeot Citroën. Paralelamente Lucía está cursando o mestrado de Automoción, porque “o mundo cambia cada día, e especialmente nesta profesión, hai que estar ao día e iso require seguir estudando, aínda que de forma diferente, moito máis selectiva”.

Máis premios e menos contía

En total, a Consellería de Educación outorgou 60 premios fin de carreira, fronte aos 54 do pasado curso, aínda que a contía coa que se recoñece o esforzo académico é menor, pasando dos 3500 euros aos 2500 actuais. A Universidade de Vigo conta con 22 premiados, mentres que Santiago de Compostela ten 26 e A Coruña 12. A Universidade de Vigo aumenta sensiblemente o número de estudantes galardoados nesta convocatoria autonómica, catro máis cos 18 da pasada edición. O requisito para participar nesta convocatoria é ter unha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de artes e humanidades, ciencias sociais e xurídicas, ciencias e ciencias da saúde; e 7,50 puntos, para alumnos da rama de enxeñaría e arquitectura.

Así o fixo Noelia Pérez, que estudou Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos no campus de Ourense e o seu esforzo valeulle este galardón da Xunta de Galicia. Explica que é un recoñecemento a “todo o esforzo adicado á propia formación durante anos de estudo e un aliciente engadido para continuar esforzándose cada día”, aínda que tamén comparte esta distinción cos que a rodean, “un agasallo para todas as persoas que nos apoiaron e animaron ó longo deste tempo contribuíndo dalgún xeito a este logro”. Sobre a presenza maioritaria de mulleres, Noelia Pérez recoñece sentir “ledicia porque a excelencia universitaria sexa liderada por nós” pero insiste en que é un dato que debería convidar á reflexión “nunha sociedade na que aínda hoxe as mulleres seguimos por detrás dos homes en canto a postos directivos e salario se refire. Dende logo esta discriminación, non se debe a un criterio de potencialidade intelectual". Agora toca pensar no futuro e este pasa polo eido da investigación. Tras rematar este ano o Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, na actualidade traballa como bolseira na área de Biotecnoloxía Agroalimentaria do departamento de Enxeñaría Química no Centro de Investigación Transferencia e Innovación (CITI). Coa contía do premio, ademais de algún que outro agasallo “a familiares que tanto levan invertido en min” Noelia está pensando en mercar un automóbil.

Alba Diz é outra das premiadas pola súa traxectoria académica en Filoloxía Hispánica e amósase satisfeita porque “é un recoñecemento a cinco anos de traballo e supón un incentivo para seguir estudando” sobre todo porque “é unha axuda económica importante nun momento en que formarse é cada vez máis caro e, polo tanto, máis difícil”. Por iso o destino dos cartos de momento é o aforro a pesar de que está rematando o Máster en Estudos Literarios na Universidad Complutense de Madrid, institución na comezará a cursar o doutoramento, “espero que o meu expediente me axude a partir de agora para poder conseguir algunha bolsa”.