DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentado en CC Sociais o libro 'Mujeres en la Marina Mercante Argentina' de Horacio Vázquez Rivaro

A mulleres mariñas teñen a súa historia

No volume colaborou a profesora da Universidade de Vigo Aurora García

Etiquetas
  • Pontevedra
DUVI 13/11/2013

Isabel de Guevara, Jeanne Baret, Graynella Packer e Ana Luisa Ortíz son mulleres que desde o século XVI ata practicamente os nosos días comparten unha paixón: a navegación. Elas son xunto a outras as protagonistas de Mujeres en la Marina Mercante Argentina, un traballo de investigación do oficial mercante da Mariña Mercante Arxentina e profesor da Escola Nacional de Náutica do país austral, Horacio Vázquez Rivarola en colaboración coas profesoras Aurora Garcia, da Universidade de Vigo e Rosa Mary de la Campa da Universidade de A Coruña que este mércores foi presentado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Nun acto no que o autor estivo acompañado polo vicedecano do centro José Pita e polo profesor Fernando Ramos, Horacio Vázquez Rivarola guiou ao público pola “historia” e as “historias” que relata nun libro no que recompila información inédita sobre o proceso de incorporación da muller na Mariña Mercante Arxentina, así como da inserción feminina na navegación desde os inicios desta actividade profesional.

A historia e as historias da navegación feminina

O escritor de orixe galega inicia o seu libro cunha parte dedicada á historia da navegación da man dalgunha das súas protagonistas. Mulleres como Isabel de Guevara, unha española que formou parte da expedición de don Pedro de Mendoza no século XVI na que timoneou polo Río da Plata unha das naves conquistadoras. Aires de conquista, aínda que científica neste caso, tamén desprende a xesta de Jeanne Baret que disfrazada de varón acompañou ao seu mozo botánico na expedición do Bougainville a bordo do que se converteu na primeira muller en circunnavegar o planeta. Xa no século XX desenvólvense as historias de Graynella Packer, a primeira muller telegrafista ou a de Anna Ivanovna, a primeira capitá mercante rusa.
Unha primeira parte de historia que se pecha co expediente que despois de oito anos remata na incorporación das mulleres á Escuela Nacional de Naútica e na que a pioneira Ana Luisa Ortíz ten un especial protagonismo.

As testemuñas das pioneiras centran a segunda parte do libro de Horacio Vázquez Rivarola que comeza coas vivencias da propia Ana Luisa Ortiz localizada nos Estados Unidos e que completan os relatos doutras mulleres como unha oficial da primeira promoción de comisarias navais, unha radiotelegrafista veterana da guerra das Malvinas, así como as primeiras capitás, maquinistas ou prácticas. A segunda parte desta obra que foi prologada polo secretario xeral da OMI, remata cunha historia de futuro a dunha actual cadete de náutica chea de anhelos e entusiasmo.

Achega de docentes galegas ao libro

A obra de 250 páxinas e que foi financiada polos centros de Jefes y Oficiales Navales de Radiocomunicaciones y de Maquinistas Navales de Argentina, contou para a súa elaboración coa colaboración das profesoras das universidades de Vigo e A Coruña, Aurora García e Rosa Mary de la Campa. Mentres a docente da universidade viguesa encargouse da redacción das entrevistas ás protagonistas, a profesora coruñesa e piloto da Marina Mercante Española, achegou unha visión comparada da situación en España.
Horacio Vázquez Rivarola e autor dunha vintena de libros de investigación e na actualidade é doutorando en Investigación en Comunicación pola Universidade de Vigo.