DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas AER-UVigo e nunha mesa redonda temática, os días 7 e 9 de marzo respectivamente

Mulleres dos sectores da automatización e da ciberseguridade proxectarán no campus as súas experiencias profesionais

Ambos eventos coincidirán coa celebración do 8M

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/02/2022

Coincidindo coa celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, o campus de Vigo acollerá dúas mesas redondas centradas en visibilizar e poñer en valor o papel da muller en dous eidos concretos da enxeñaría: a automatización e a robótica, por unha banda, e a ciberseguridade por outra.

O profesor José Ignacio Armesto, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, é o encargado de coordinar ambas actividades, que se desenvolverán a primeira delas en formato virtual o día 7 e en modalidade semipresencial e a segunda, o día 9 de marzo. O obxectivo de ambos eventos, subliña o profesor Armesto é “contribuír, aproveitando a celebración do Día Internacional da Muller esa semana, ao fomento das vocacións STEM en xeral e femininas en particular, visibilizando nas mesas a mulleres profesionais referentes destes sectores, por unha banda a automatización e a robótica e, por outro, a ciberseguridade. As convidadas falarán, entre outras cuestións, sobre as súas motivacións e experiencias ao longo do seu percorrido profesional.

Mulleres AER no sector da automatización e da robótica

O día 7 terá lugar a terceira edición das Xornadas técnicas AER-UVigo, que tras centrarse na industria 4.0 en 2020 e na robótica industrial en 2021, desta volta analizarán o papel das mulleres no sector da automatización e da robótica. Esta iniciativa, organizada pola Asociación Española de Robótica e Automatización e a Universidade de Vigo, será “100% dixital, explica Armesto, e contará coa participación de “mulleres directivas de empresas asociadas a AER Automation”, como Mar Masulli, CEO & Co-founder de Bitmetrics; Pepa Sedó, R&I Policies and Funding Programmes de Eurecat; Carolina López, Chief Technology Officer de Infaimon; María Benítez, Chief Marketing Officer de Robotnik e Rocío Lara, responsable da Área Educativa de Ro-Botica. Xunto con elas, participarán na mesa unha alumna da Universidade de Vigo, Ainoa Castro, do Grao en Electrónica Industrial e Automática, e outra de Formación Profesional, Noemí Rabasco, que cursa o Grao superior en Automatización e Robótica Industrial. A mesa redonda estará moderada por outra muller, directiva neste caso do centro tecnolóxico Gradiant, Antía Fernández R&D Codirector of Intelligent Systems Area.

Cada unha delas achegará as súas experiencias, relatará como foi o seu proceso de formación e traxectoria laboral nun eido moi masculinizado tratando así de espertar vocacións entre as mozas e amosando as posibilidades de titulacións como o Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática ou o Mestrado en Mecatrónica.

As xornada poderán seguirse a través da canle 2 de UVigoTv a partir das 11.30 h.

A muller no ámbito da ciberseguridade

Nesa mesma semana, pero xa o día 9, o campus acollerá a Xornada Mulleres e Ciberseguridade, organizada por Ana Fernández Vilas, directora do Máster Interuniversitario en Ciberseguridade e polo profesor José Ignacio Armesto. A idea xurde, como relata Armesto, “a partir da participación de Esther Mateo, directora xeral de seguridade en ADIF nas xornadas de apertura do título propio de especialista en ciberseguridade industrial”. Foi a través dela como conseguiron contar coa implicación neste mesa redonda de mulleres de Rosa Díaz, directora xeral de Incibe, “que é un dos máximos cargos nacionais da administración central no eido da ciberseguridade”. Ambas participarán en modalidade virtual, mentres na sala I do edificio Miralles estarán presentes Ana Fernández Vilas, coordinadora do Mestrado en Ciberseguridade; Belén Pérez, CISO do Grupo Nueva Pescanova e Susana Rey, da Oficina en R e tamén egresada da Universidade de Vigo. O acto será presentado polo reitor da Universidade, Manuel Reigosa.

Este evento nace da man do Máster MUNICS, o título de especialista ECSI e a cátedra R, “que fan que a UVigo un referente no eido da formación en ciberseguridade”, recalca Armesto, que engade que ambas titulacións, unha oficial e outra propia, “figuran nos catálogos de Incibe".

A mesa redonda comezará, en formato híbrido, ás 11.00 horas na sala I do edificio Miralles e emitirase pola canle 1 de UVigoTv.