DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle este xoves a representación da obra teatral 'Ama-dor'

Mulleres con soños que se viran en pesadelos

Dentro da programación co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 07/11/2013

“Mulleres con soños que se viran en pesadelos. Mulleres, prostitución, poder económico, redes. Mulleres tratadas desde a máis extrema indiferenza, violadas, forzadas, escravas. Mulleres coma ti, coma min, como a túa veciña, a túa filla, irmá, nai, avoa…mulleres como mercadoría, enganadas, roubadas…milleiros de mulleres, mulleres…”. Deste xeito tan cru se presenta Ama-dor, una peza teatral das compañías Asta e Trécola Teatro que este xoves se representa no campus de Ourense e que afonda no tráfico de seres humanos na actualidade.

Ama-dor chega ao campus despois de pisar os escenarios da cidade e no marco da programación que organiza o campus de Ourense co gallo da conmemoración o 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Con dirección de Rui Pires, a obra nace dunha adaptación libre deste creador a partir do diario e sonetos de Florbela Espanca e de datos estatísticos referentes ao tráfico humano. Na súa representación participan actores e equipos técnicos das dúas compañías, a lusa Asta e a galega Trécola Teatro, resultando unha peza con carácter e vocación internacional, tanto polos contido que aborda como pola mestura galego-portuguesa na súa execución.

Co dedo na ferida

A obra forma parte do proxecto destas dúas compañías Ad Theatrum, que os seus responsables definen como “un proxecto teatral en sinal de alerta, para que ninguén quede indiferente, para que ninguén cale ante esta situación, porque tamén depende de nós cambiar esta realidade. E tocando co dedo na ferida, pretende denunciar, alertar, dar voz, cuestionar, facer visible o que moitas veces pasa ao noso carón sen darnos conta, ou sen querer ver”. No marco desta iniciativa as compañías crean pezas froito de testemuños en primeira persoa, noticias, reportaxes, documentación, asociacións e organizacións non gobernamentais que traballan en prol dos menos favorecidos. O obxectivo, apuntan os seus autores, “é amosar a realidade de persoas que buscan en Europa, nos nosos países, nas nosas cidades, unha fuga para a miserable vida que levan nos seus países de orixe”.

A representación, que conta con financiamento da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, terá lugar ás 20.00 h na Sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro do campus. A entrada é de balde e aberta a todas as persoa que se queiran achegar.