DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo

As mulleres ‘toman a batuta’ no Festival Sinsal

Exporanse traballos do alumnado da Facultade de Belas Artes e de Comunicación Audiovisual

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 23/06/2011

A Illa de San Simón converterase este sábado nun grande escenario musical para acoller o Festival Sinsal, concerto de carácter multidisciplinar de grupos vangardistas tanto do panorama galego como europeo. Unha das principais características desta sesión experimental na illa é a elevada presenza feminina galega, de aí que a Unidade de Igualdade da Universidade sexa un dos principais apoios do festival. Aínda que o ingrediente fundamental é a música, non faltarán tampouco performances e proxeccións audiovisuais, froito da colaboración das Facultades de Belas Artes e de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus pontevedrés.

A Unidade de Igualdade decidiu participar nesta iniciativa “para demostrar que as mulleres tamén están nas artes escénicas, plásticas e musicais cun traballo e cunha calidade á altura”, explica Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade. “Como a maioría das artistas participantes son mulleres pareceunos unha boa oportunidade colaborar para que se visualice o máximo posible as súas contribucións”, engade. Este apoio axuda ademais a potenciar o traballo das alumnas da Facultade de Belas Artes, “pois non hai que esquecer que neste centro e en toda a Universidade as mulleres teñen moita máis presenza, polo que debemos impulsar que todo o volume de obras que crean saia á luz”, apunta o profesor Fernando Suárez Cabeza, principal coordinador do proxecto.

Xerar imaxe fóra dos centros

Non é a primeira vez que a Facultade de Belas Artes copera co Festival Sinsal “xa que no pasado mes de abril participamos con proxeccións no concerto que ofreceron por primeira vez en A Coruña”, aclara Suárez. Na Illa de San Simón esa colaboración mantense, “pero engadindo traballos dos alumnos e alumnas do fin de Grao en Belas Artes e do fin de Máster en Creación e Investigación”. Para o profesor, o obxectivo final é conseguir que as obras de arte dos estudantes se proxecten no exterior “xerando imaxe do que se fai no centro e das estéticas que se traballan e coa intención de que a Universidade se visualice fóra”.

Para o alumnado de Belas Artes tamén supón unha oportunidade para exportar as súas obras “porque a maior frustración que teñen os nosos estudantes é que as súas creacións soamente se avalían dentro da contorna protexida da facultade e, de feito, cando expoñen no exterior, ante os ollos de todo o público, é cando as súas pezas adquiren o seu verdadeiro valor”. A exposición das obras que se proxectarán durante o festival leva como título Movementos visuais para concerto e orquestra, unha recompilación e selección de vídeos realizados por máis de 25 alumnos do campus, “cortados, mesturados e montados por Marta Castellanos”.

Por outra banda, o festival tamén se converterá nun punto de encontro “entre as artes visuais e musicais nun marco tan espectacular como é a Illa de San Simón”. É a primeira vez que este concerto se celebra na illa, “e nace con vocación de continuidade e de desenvolvemento”.

Todo un día de concertos

As actuacións musicais dividiranse en tres escenarios simultáneos. Así, no escenario Paseo dos Buxos, ao aire libre, romperá o silencio o grupo 2uS, seguido dos Marzipan Man, Mwëslee, Wooden Wand e Buke Gass; o trío feminino Mürmel, inaugurará o escenario San Antón coa súa performance de música e teatro e tras elas actuará Jane Joyd, promesa galega que acaba de gañar o concurso de maquetas do Festival de Benicassim, BFlecha e Kellies; finalmente no escenario Illa de San Simón actuará Laetitia Velma, nova promesa do pop francés, Fat 32 e Secret Chief3. As entradas seguen á venda en www.servinova.com a un prezo de 25 euros, nos que a comunidade universitaria ten un desconto do 25%.