DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As mulleres toman a voz do Forum FISU

Nunha xornada celebrada no campus de Vigo centrada no liderado feminino no deporte

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 23/06/2010

Mulleres, de todas as idades, razas e procedencias, tomaron a voz na xornada do Forum FISU no campus que se centrou en debater o papel de liderado que debe ter a muller no deporte universitario. Palabras como paridade, conciliación, educación en xénero e corresponsabilidade presidiron un debate marcado pola necesidade de cambio e de que a FISU sexa “ese faro que alumee o camiño cara a igualdade e se converta nunha verdadeira plataforma para o cambio” como apuntou Silvia Ferro, unhas das relatoras e directora do programa Muller e Deporte do Comité Español de Deporte Universitario e membro da Comisión Muller e Deporte do Comité Olímpico Español. Xunto con ela, participou nas conferencias maxistrais Marissa Londwa, que puxo na mesa a situación de dobre discriminación histórica á que deben enfrontarse as mulleres en Sudáfrica, “a de xénero e a racial”.
A xornada abriuse, tras a presentación das conclusión das sesións de onte martes sobre deporte e medio ambiente, da man do vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, e da presidenta do Comité de Mulleres da FISU, Verena Burk. O vicerreitor presentou un vídeo sobre as actividades deportivas na Universidade de Vigo, unha peza que Silvia Ferro definiu como “un exemplo de boas prácticas e paridade”. O vicerreitor foi o encargado de darlles a benvida á Universidade e ao campus e explicarlles todas as actividades deportivas e de lecer previstas para toda a xornada, na que se inclúen xogos típicos e unha cea tradicional, así como unha feira sobre os temas tratados ao longo do Forum.

Do apartheid á paridade de xénero

“Vouvos contar a miña historia como exemplo da historia de tantas outras mulleres sudafricanas” explicou Marissa Londwa e relatou a loita de varias xeracións que se enfrontaron no seu país á discriminación de xénero e de raza. Londwa explicou que para loitar contra culturas e tradicións que deixan á muller nun segundo plano a única arma é a educación e “eu fun a segunda muller da miña familia en chegar á universidade”. A representante sudafricana relatou como o seu primeiro contacto do deporte non chegou ata precisamente a época universitaria e “é aí onde temos que traballar, no fomento do deporte entre as mulleres pero tamén na nosa presenza nos postos directivos”. Segundo apuntou o deporte debe servir ás mulleres para ter voz, "para abrirnos as portas do mundo, como foi o meu caso, que nunca tería saído do país de non ser polo deporte”.
O contraste púxoo Silvia Ferro, que como directora do programa Muller e Deporte do Comité Español de Deporte Universitario e membro da Comisión Muller e Deporte do COE explicou as medidas que dende este organismo se toman a prol do fomento do deporte en xeral, de da igualdade de oportunidades e de acceso das mulleres á actividade física. Ferro apuntou a necesidade de introducir a perspectiva de xénero dun xeito transversal en todos os organismos, asociacións e federacións e remarcou que a reforma da formación dos técnicos deportivos que se está a levar a cabo vai engadir esta perspectiva. Entre as súas recomendacións referiuse á necesidade de programas de conciliación, a formación das mulleres para altos cargos en entidades relacionados co deporte ou a visibilización das deportistas universitarias.

Conclusións sobre educación e medioambiente a través do deporte

Ao longo da mañá, os congresistas tamén puideron asistir á presentación das conclusións do tema tratado na xornada de onte, a educación e concienciación medioambiental a través do deporte universitario. As sesións de debate deixaron como resultado reflexións sobre a necesidade de instalacións deportivas máis eficientes e respectuosas como medio, non só polo aforro enerxético senón como exemplo de concienciación e educación a través da práctica deportiva. Neste bloque tamén se abordou o tema da dopaxe, que non se debe esquecer do deporte universitario, aínda que os controis dependan de federacións e axencias estatais. Todos os grupos coincidiron na importancia de "desnormalizalo", cambiando a percepción social desta práctica. Cada un dos grupos de traballo presentou as súas conclusións ate o Forum, remarcando a necesidade de formar aos formadores e de fomentar o deporte non só como competición senón tamén como estilo de vida saudable e responsable co medio.
A xornada de mañá xoves será para actividades de lecer mentres que o venres se centrará no cuarto eixo programático do Forum, o deporte universitario e o seu recoñecemento académico, para baixar o sábado o pano deste 10º Forum FISU.