DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Asociación SYME

Múltiples actividades consolidan outubro como o mes do medio ambiente no campus

Un ciclo de cine e un seminario de fotografía son as principais novidades

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 04/09/2008

Un ciclo de cine e un seminario de fotografía ambiental impartido por un dos fotógrafos de WWF /Adena son as principais novidades que traerá o novo curso da man da Asociación Medioambiental Universitaria SYME. Ademais repetirán clásicos como o concurso de fotografía, unha das actividades que esperta máis interese entre os universitarios, e chegará unha segunda edición das Xornadas de Medio Ambiente, nas que o pasado curso se inscribiron máis de 500 participantes.
O vicerreitor Juan Francisco Gálvez, xunto co decano da Facultade de Ciencias, Juan Carlos Mejuto e o delegado de Educación, Gonzalo Sueiro, acompañaron esta mañá ao presidente da asociación, José Antonio Pérez, na presentación das actividades previstas para este outono. O obxectivo segue sendo o mesmo ca nas anteriores edicións: realizar actividades enfocadas a educación ambiental, “pensando sobre todo en que os cidadáns coñezan o medio ambiente e aprendan a respetalo”, subliñou José Antonio Pérez.

Outubro de cine

O ciclo de cine desenvolverase ao longo de todo o mes de outubro e inclúe a proxección de dúas películas e dúas curtas, “ademais despois de cada proxección haberá unha mesa redonda para falar e debater sobre cada unha das temáticas formuladas nos filmes”, tal como explicou José Antonio Pérez.
As proxeccións iniciaranse o vindeiro 9 de outubro coa película La historia del camello que llora, unha coprodución realizada entre Mongolia e Alemaña, na que se narra a historia dunha familia de pastores nómades mongois aos que lles nace un camelo albino que a súa nai rexeita.
O ciclo continuará o 14 de outubro coa proxección de dúas curtametraxes e rematará o día 30 co filme británico Walkabout, un drama no que se conta a vida de dous nenos que vagan polo deserto australiano, abandonados á súa sorte, tralo suicidio do seu pai.

Un seminario para promover a reflexión sobre o medio

Miguel Murcia, fotógrafo profesional e coordinador da rede estatal de voluntariado de WWF/Adena-España será o encargado de impartir o I Seminario de Fotografía Ambiental e Denuncia Ambiental, unha actividade dirixida sobre todo a promover unha reflexión sobre o medio ambiente na comunidade universitaria e na sociedade ourensá.
Este seminario desenvolverase os días 16 e 17 de outubro en horario de tarde e os interesados en participar deben inscribirse no decanato da Facultade de Ciencias. A primeira xornada serán clases teóricas nas que se explique o funcionamento dunha cámara dixital e a segunda serán clases prácticas que se desenvolverán nos espazos naturais do campus.

Cámaras dixitais para as mellores fotografías

O concurso de fotografía conta nesta ocasión con dous formatos de participación: fotografía e denuncia ambiental. No primeiro caso premiarase a calidade e beleza da paisaxe mentres que nos segundo, no que se esixe que sexan fotografías realizadas en Galicia, valorarase sobre todo o grado de denuncia existente.
Como premio o gañador de cada unha das modalidades recibirá unha cámara dixital. “A través do concurso buscamos mostrar a riqueza paisaxística do lugar no que vivimos, así como concienciar da conservación do noso patrimonio medio ambiental”, indicaba José Antonio Pérez.

Asociación Medioambiental SYME.