DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ilusión e nervios acompañaron ao novo estudantado no seu primeiro día de clase

Multitudinaria benvida ás aulas da Universidade

Comeza un curso marcado,segundo o reitor, polos efectos da medidas adoptadas polo Goberno

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 03/09/2012
Coa vista posta nas decisións que poidan adoptar os gobernos en relación co sistema universitario español e coa satisfacción dos recoñecementos acadados pola institución, tanto pola súa continuidade no Ránking de Shanghái como polos proxectos que acadaron financiamento europeo, arranca este luns o curso na Universidade de Vigo.
“As decisións que toman os gobernos”, explica Salustiano Mato, “fan que para poder seguir traballando e desenvolvendo o noso plan de actuación teñamos que superar dificultades novas que nos poñen por diante”. O reitor incide en que “se queremos ter institucións públicas fortes as decisión teñen que tomarse en función de resultados” e avoga por seguir traballando para potenciar a vertente internacional da institución.

Preocupación e honra do máximo responsable da institución académica viguesa que hoxe se mestura nos corredores, aulas e cafeterías dos diferentes centros e facultades dos tres campus coa ilusión dos centos de estudantes que este luns participaron nos actos de benvida celebrados en Ourense, Pontevedra e Vigo. O curso 2012-2013 que hoxe comeza prolongarase ata o 31 de xullo e será o primeiro na historia da institución académica viguesa no que os exames do primeiro cuadrimestre se celebrarán antes do Nadal. Nun contexto económico certamente convulso o estudantado que este curso se matricula por primeira vez en calquera das materias que se imparten na Universidade de Vigo non sufrirá o incremento das taxas que si experimentará o alumnado que se inscriba por segunda o máis veces nunha materia. Sen embargo tanto uns como outros poderán beneficiarse da medida aprobada o pasado mes e xuño polo Consello de Goberno da Universidade que permitirá aboar o importe da matrícula dos estudos dos 39 graos e 78 mestrados que se imparten este curso ata en seis prazos. Así, dos catro prazos vixentes ata o momento, pásase neste curso 2012-2013 a seis, de xeito que no mes que se realice a matrícula se abonará o 25% da mesma e entre novembro e marzo un 15% cada mes.

Un curso, o que hoxe se inicia, que non contará con acto oficial de apertura en ningún dos tres campus e no que a Universidade recepcionará o Módulo Tecnolóxico Industrial (MTI), enviará o segundo picosatélite ao espazo e que será o da concreción de Campus do Mar e o do despegue do Campus da Auga.

- Salustiano Mato: “O recoñecemento anímanos, pero temos que estar atentos a medidas do Goberno que poidan condicionar o noso traballo”

- O curso arranca en Ourense cheo de actividades

- A especialización do campus marca o comezo das clases en Pontevedra

- Centos de mozos e mozas inician ilusionados o seu periplo universitario en Vigo