DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Multitudinario e emotivo adeus ao profesor e sociólogo Xan Bouzada

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/05/2008

Familiares, amigo e persoeiros da cultura despediron este martes ao sociólogo e profesor Xan Bouzada nun emotivo e concorrido acto no que lembrou a súa achega á cultura e política galegas.
Por expreso desexo de Bouzada foron dous dos seus amigos, Darío Xohán Cabana e Andrés Torres Queiruga, os encargados de darlle o derradeiro adeus nun acto que contou coa presenza entre outros da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares xunto con membros da Universidade, onde impartía clase nas materias de Socioloxía do consumo, Socioloxía da comunicación e Socioloxía xeral. Paralelamente Xan Bouzada dirixía o Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega, a revista Cooperativismo e Economía Social e participaba no Consello de Redacción da Revista Grial.
Amigo dende a xuventude, Darío Xohán Cabana lembrou os tempo do bacharelato, cando se coñeceron na cidade de Lugo e subliñou que “non hai moitas amizades xuvenís que permanezan firmes como esta durante toda unha vida”. Cabana definiu a Bouzada como unha das maiores autoridades político-culturais “cunha obra ampla que acada xa unha dimensión de enormidade” e lembrou o “moito que con le perdemos e o moito que aínda medraría”. Cosmopolita e patriota, “apostaba sempre por salvar o posible, por conservar a lingua e o pobo”, pero Cabana quixo tamén lembrar tamén as súas cualidades persoais e subliñou que “era unha boa persoa, pero dunha maneira intensa e agarimosa que sempre lembraremos”.
Pola súa banda, Andrés Torres Queiruga lembrou o forza e enteireza coa que afrontou a súa longa enfermidade e a “serenidade coa que falaba da súa morte e que lle permitiu incluso preparar este acto”. Amigo persoal de Bouzada, Torres Queiruga subliñou que “a morte purifica os recordos e debemos lembrar del a súa bondade e continuar a súa obra interrompida de entrega ao seu país”.
No transcurso do acto un conxunto de corda interpretou o adaptación de Luís Emilio Batallan do poema de Álvaro Cunqueiro Quen puidera namorala e rematou cunha das pezas favoritas de Bouzada, Canto dos Paxaros, de Pau Casals. As cinzas do profesor e sociólogo serán, segundo a súa vontade, esparexidas polo monte Aloia, preto da súa residencia.