DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu pasamento causou unha fonda conmoción na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

O mundo académico garda un minuto de silencio na honra do profesor Carlos González Salgueiro

Os seus compañeiros subliñaron a gran calidade humana e profesional do docente

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 06/07/2010

Docentes e estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo viviron este martes unhas horas de tristura e conmoción co gallo do pasamento de Carlos F. González Salgueiro, profesor do Departamento de Estatística e Investigación Operativa do centro durante preto de 20 anos. Con este motivo o persoal da facultade así como docentes e alumnado doutros centros do campus gardaron un minuto de silencio co obxectivo de amosar publicamente o seu fondo pesar e unirse e compartir dun xeito simbólico a dor da familia nestes duros momentos.

Todos os asistentes subliñaron do profesor a súa gran profesionalidade no traballo na aula cos alumnos e alumnas e as súas bondades como persoa. María Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, definiuno como “un profesor estupendo e unha bela persoa” ao tempo que subliñou que “todo nel era positivo”.

Unha persoa vital e optimista

Tomás Cotos, docente no mesmo departamento e amigo persoal de Carlos González lembraba o seu optimismo e bo humor. “Levaba traballando con el 13 anos e en todo este tempo nunca o vin enfadado. Nunca tivo un mal xesto nin unha mala cara senón que, moi ao contrario, tiña un talante conciliador e sempre buscaba o lado positivo das cousas”, declarou. Na mesma liña se expresaba a tamén docente Ana Pérez. “Era moi bo compañeiro e moito mellor persoa. Como profesor estou segura de que os seus alumnos e alumnas o botarán moito de menos”, sinalou.

Entre as numerosas persoas que acudiron a este acto simbólico de despedida de Carlos González atopábase tamén Rubén Fernández, profesor durante anos na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e amigo persoal do docente. “Quixen vir a despedilo porque teño moi bo recordo de haber traballado con el. Era moi boa persoa”, lembrou.

Seguidamente docentes, estudantes, amigos e familiares de Carlos González acudiron á misa funeral que tivo lugar ás 12.30 horas na Igrexa María Auxiliadora.