DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Pont-e organiza o evento ‘No cumpleaños’ coa venda de comida

O mundo de Alicia ‘cólase’ en Ciencias Sociais e da Comunicación

A finalidade é recadar fondos para asistir a un congreso sobres redes sociais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 31/03/2011

Semella que o conto de Alicia en el país de las Maravillas se fixo realidade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Cartas da baralla por un lado, raíñas de corazóns por outro, coellos pedindo a hora... Non se trata dunha alucinación, son os alumnos e alumnas de 4º de Publicidade e Relacións Públicas que forman o grupo Pont-e, con sede en Facebook, xa que organizaron a festa No cumpleaños, inspirándose no mundo de Alicia de Lewis Caroll. A finalidade, “seguir traballando na organización de eventos a través de redes sociais ademais de recadar fondos para que toda a clase poida asistir a un congreso”, explica Isabel Suárez, profesora responsable de Pont-e.

Na liña de seguir potenciando unha vertente máis práctica da súa materia, Isabel Suárez recoñece que deste xeito “o alumnado se adapta a crear e desenvolver estratexias comunicativas a través das redes sociais tanto convocando aos estudantes para a festa como retroalimentando o tema en Internet mediante tweets e posts”. Tanto é así que a profesora estima que o hastag #nocumpleaños “se converta desde hoxe en trending topic en Twitter”. No evento organizado venden todo tipo de comida “cociñada por eles” co obxectivo de conseguir o financiamento necesario poder asistir á Feira Internacional Nonick sobre redes sociais que se celebrará en Bilbao o vindeiro 17 e 18 de xuño.

A profesora Suárez quixo facer especial fincapé no duro traballo que hai por detrás destes eventos, “porque non soamente exercen de community managers xestionando o evento en Internet, senón que asumen todo o traballo de organización da propia festa, cociñando, creando os disfraces, e ata un photocall para que todos os interesados se poidan levar un recordo da festa”.