DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A V Mostra de Teatro Infantil quenta motores

O mundo das artes escénicas achégase aos máis pequenos nas datas de Nadal

As representacións terán lugar entre o 25 e o 30 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 18/12/2008

Ourense, un referente galego no mundo das artes escénicas, non se esquece dos nenos. Por iso, coincidindo coas vacacións de Nadal, a quinta edición da MOTI, Mostra de Teatro Infantil, chega á cidade. Marionetas, zancudos, acróbatas e títeres encherán dende o xoves 25 e ata o 30 de decembro o tempo de ocio dos pequenos da casa. Esta mostra, única en Galicia, sitúase como unha aposta tanto do Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Universidade de Vigo por “formar espectadores de teatro desde as idades máis temperás”, explicou Fernando Dacosta, organizador da MOTI e director da Aula de Teatro Universitario. Esta faceta pode observarse especialmente na programación de teatro para bebés, “é o segundo ano que incluímos estas representacións xa que na anterior edición tiveron moito éxito”, dixo Dacosta.
Danza, teatro, marionetas de fíos e títeres suporán un total de 20 espectáculos ofrecidos por 13 compañías distintas. O Teatro Principal, o Auditorio Municipal e o salón multiusos do Edificio de Ferro serán os escenarios elixidos para as representacións. Os prezos oscilarán entre os tres e catro euros e “parte da recadación estará destinada a ONG UNICEF”, comentou Dacosta.
A pesar de que as representacións teatrais non comezan ata o día de Nadal, a MOTI xa se deixa sentir con accións de promoción en colexios e garderías. A partir do sábado día 20 e ata o 23 de decembro serán as rúas da cidade as que gocen de “pequenos actos teatrais, moi sinxelos pero cun vestiario vistoso”, un xeito “de chamar a atención e convidar a adultos e nenos a participar da MOTI”, engadiu Dacosta.
Ata o de agora “existe bastante expectación e a xente demanda información sobre o programa”, comentou o organizador da mostra; por iso “espero e confío que siga tendo os espectadores doutros anos que enchían as representacións”.

Teatro para bebés

Este tipo de espectáculos está a acadar moito éxito nos últimos tempos, os organizadores da MOTI conscientes deste feito comezaron na anterior edición a incluílos na súa programación e este ano continúan nesa liña con dúas representacións, Anda e Pacama, de Katarsis e La casa incierta respectivamente. Estas obras teatrais, recomendadas para bebés de seis meses a tres anos, “traballan con estímulos sensoriais, o diálogo non ten tanto importancia como o ritmo, o movemento ou a música”, explicou Dacosta. As representacións, “pensando na etapa evolutiva en que se atopa un neno destas idades”, indicou Dacosta; rompen coa barreira entre escenario e espectadores, “os actores póñense ao mesmo nivel que os bebés, incluso se deitan ou agachan para que eles non teñan que mirar sempre cara arriba”. Esta modalidade das artes escénicas é un xeito de “introducir aos nenos desde pequenos no hábito de acudir ao teatro”, concluíu o organizador.

Nacemento da MOTI

A MOTI celebra nesta edición o seu quinto aniversario. O seu nacemento foi grazas á proposta realizada polo exvicerreitor do campus de Ourense, Andrés Mazaira, e Filemón Rivas, técnico de Actividades Culturais que desexaban ter algunha actividade para nenos. A elaboración deste proxecto correu a cargo de Fernando Dacosta e a raíz del xurdiu tanto a MOTI como a Aula de Teatro Infantil Gepetto que precisamente “é unha das compañías que colabora en cada edición da mostra, nesta ocasión coa representación da obra Rescuita e o reino dos sentimidos”, aclarou Dacosta.
Para o organizador da MOTI, “é moi importante crear espectadores dende a base”; neste senso “a Universidade de Vigo é unha pioneira xa que non existe outra que aposte tanto polo teatro infantil”.