DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolle o obradoiro ‘Expresión plástica para educación infantil e

Un mundo de cores e formas que trasladar ás aulas

13 alumnos coñecen neste curso o potencial da gomaeva como material didáctico

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 21/04/2014

Desde un sinxelo estoxo a unha boneca ou un sombreiro de pico. Son practicamente infinitas as alternativas que a gomaeva ofrece ao profesorado á hora de achegar unha nota de creatividade ao seu labor e poder propor aos nenos e nenas unha longa serie de actividades. De aí que as potencialidades deste polímero sexan o eixo central do obradoiro Expresión plástica para educación infantil e primaria que se desenvolve estas semanas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e no que profesionais e futuros profesionais do ensino coñecen as múltiples posibilidades que este material lles outorga á hora de organizar actividades ou deseñar unidades didácticas.

Composta por etileno e acetato de vinilo, “a gomaeva ofrece moitas posibilidades, é relativamente barata e sáese un pouco da cartolina e dos outros materiais que se empregan habitualmente nas aulas”, sinala Olalla Pérez, a responsable de impartir este curso incluído no programa de obradoiros impulsado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra para este segundo cuadrimestre. “Pódese rechear e coser, pódese pintar, recortar, pegar ou mesmo moldear despois de pasarlle o ferro ou quentala cun secador”, explica esta educadora social e artesá, que novamente se encarga de impartir un curso dirixido polo profesor Uxío Pérez e orientado a dotar aos futuros profesionais do ensino de ferramentas coa que levar a cabo actividades plásticas cos nenos e nenas.

Un campo aberto a creatividade

Un total de 13 alumnos e alumnas da facultade e profesores de primaria e infantil participan neste curso de 30 horas que se desenvolve ao longo dos meses de marzo e abril e que ten un carácter eminentemente práctico. “Dentro dunhas actividades máis ou menos estruturadas, no obradoiro o que se pretende é que eles desenvolvan a súa creatividade e acheguen os seus deseños e as súas ideas”, explica Pérez Molares, que nas diferentes sesións traslada aos participantes diferentes propostas sobre as que traballar e que van desde o forrado dun caderno ou a elaboración dunha funda na que gardar lapis e bolígrafo á creación de paneis pensados para ensinar aos nenos as cores ou as partes do corpo. “Todas as actividades están orientadas a traballos que eles poden facer na aula, xa que, con supervisión, os nenos poden traballar con este material na clase e, ao mesmo tempo, os docentes tamén poden empregalo para elaborar unidades didácticas”, engade.

A idea final e trasladar aos futuros profesores e profesoras novas opcións “coas que innovar un pouco e ampliar os seus recursos, para que non todo na clase sexa traballar cos libros”, engade Pérez. Neste senso, este obradoiro de expresión plástica leva por título Gomaeva e outros materiais novidosos, posto que ademais deste polímero tamén abrangue o uso doutra serie de materiais, principalmente de refugallo, que se poden empregar como complemento da gomaeva.