DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Álex Quintana, da axencia Arista, novo convidado ás xornadas de ‘Fálame do teu 3.0’

No mundo dixital, o consumidor segue sendo igual de real

O creativo sinala que as novas promesas da publicidade teñen todo a favor para triunfar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 10/11/2011

A revolución dixital non pode provocar unha perda de perspectiva. Algunhas marcas idean mensaxes e fórmulas para a súa comunicación online que nunca adoptarían para a súa publicidade convencional, “unha estratexia que non se entende, porque ao fin e ao cabo, estanse dirixindo ás mesmas persoas”. Esta falta de coherencia foi explicada polo creativo Álex Quintana, da axencia de publicidade vasca Arista, nunha nova sesión das xornadas Fálame do teu 3.0, na que o profesional sinalou a necesidade de que os anunciantes se comporten do mesmo xeito “tanto se se encontran nunha contorna real como dixital, pois quen está detrás das pantallas segue sendo o consumidor de toda a vida”.

As marcas, con medo

Álex Quintana destacou que unha das causas polas que a marca adoita perder a perspectiva é polo medo e inseguridade que senten ante o descoñecido do mundo virtual. “Gustaríalles seguir ancorados no pasado vivindo de éxitos antigos, polo que lles custa aceptar o cambio e as novas regras do xogo”, apuntou Quintana. Así, confesou que os publicitarios débense acostumar a idea de que todos os días se descubrirán novos métodos e alternativas, froito do continuo proceso ensaio-erro. Ante este novo panorama, Quintana recoñeceu que moitos dos gurús publicitarios tamén se atopan perdidos “e seguen confiando en que soamente sexa unha moda pasaxeira”. O creativo ten claro que “os tempos dos grandes spots con enormes orzamentos xamais volverán”, polo que o eido da publicidade “se converte nun mundo de artesáns no que hai que aprender, aprender e aprender cada día”.

Para adentrarse na contorna dixital, o creativo aconsellou que o mellor é que a marca empece dende abaixo, xa que “o nome e a potencia en medios non é garantía de éxito en internet”. Para explicar esta nova situación, botou man dunha metáfora, na que Facebook era igual a un edificio onde convivía o anunciante cos seus clientes. Agora ben, “a marca soamente ocupou un piso e non pode pretender que, porque monte unha festa, vaia ter méritos e aceptación, ten que ser antes coñecido polos veciños”, explicou. O máis importante: a honestidade, xa que os espazos de conversa cos consumidores creados en internet “van dar conta de se algo é falso e iso pode ser un gran problema a longo prazo para a marca”.

As novas xeracións, uns privilexiados

Para Quintana este “é o mellor momento para ser estudante de comunicación”, pois explicou que se está trasladando todo o negocio publicitario cara unha contorna “na que as novas xeracións xogan con vantaxe porque naceron en ela”. O creativo dirixiuse ao alumnado de Publicidade e Relacións Públicas do campus para aclararlle que o futuro da profesión “vai estar no mundo no que vivides e todo queda nas vosas mans. Por iso tendes que probar cousas dende xa e deixar de mirar e de esperar”.

O vindeiro xoves 24 de novembro “falará do seu” e da súa experiencia o deseñador Carlos Rolando, que será o encargado de pechar esta nova edición do Fálame do Teu.