DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os proxectos de Agar Fernández e Jandro González foron destacados polo xurado

O mundo infantil inspirado no filme "Les enfants terribles" de Marta Montoto faise co primeiro premio de Debut’08

O novo edificio do Museo de Pontevedra encheuse

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 28/11/2008

O mundo infantil inspirado no filme Les enfants terribles de Jean-Pierre Melville e Jean Cocteau dos estilismos de Marta Montoto, conquistou ao xurado de Debut’08 e logrou o primeiro premio do certame. A recreación do mundo das geishas e do teatro kabuki de Agar Fernández e a cultura americana reflectida nos deseños de Jandro González foron os outros nomes destacados dun desfile que conseguiu provocar sorpresa, admiración e mesmo emoción cos proxectos dos dezaoito alumnos da segunda promoción de Esdemga. O aforo de 600 persoas habilitado no novo edificio do Museo de Pontevedra quedou pequeno ante a expectación creada.
Dicía a directora de Esdemga, Lola Dopico na presentación de PontevedraDebut que "a pura moda se non é vangardista, non é nada". Polo visto este xoves, os seus alumnos tomaron boa nota desta premisa.
As vaporosidades de Noemí Esperón, a reminiscencia infantil de Margarita Cuesta ou a inspiración en Olimpia de Ana Pérez son só algúns exemplos das outras propostas que foron obxectivos de todos os flashes. E é que a mención especial aos tres gañadores non desmerece ás outras quince propostas, todas moi ricas e frescas, zumegando personalidade e ganas de triunfar e asinadas por Miriam García, Paula Montoto, Lucía Barreiro, Marly Carballal, Marcos Barra, Eva Núñez, Bruno Rodríguez, Margarita Cuesta, María Cerdeira, Beatriz Soto, Lidia Poza, Noemí Esperón, Rosa Martínez, Ana Pérez e Leticia Blanco.
O primeiro premio de Marta Montoto, a mención especial de Agar Fernández e mailo accésit de Jandro González, outorgados polo xurado de expertos, resultaron unha "decisión difícil" logo de que os seus membros pasaran todo o día mergullándose nos portfolios de cada un dos estudantes.

O futuro da moda galega

O desfile tamén contou con dous pases previos a cargo dos alumnos que actualmente cursan terceiro en Esdemga. As súas propostas, acotadas no ámbito temático da Segunda Guerra Mundial, achegaron as variacións formais e de estilo que provocou a guerra e foron preparando ao público para os proxectos fin de carreira. O segundo pase da noite centrouse na recreación de personaxes como Jackie Kennedy ou Virginia Woolf.
O prato forte da noite, o Debut propiamente dito, chegou coa advertencia de Dopico de que non se trata "dun desfile para ver o que se vai levar o ano que vén" senón un traballo académico. Poida que as propostas dos alumnos de Esdemga non cheguen no 2009 pero, con seguridade, estarán á cabeza da moda galega nos vindeiros anos.

Éxito de público

A expectación que creara o desfile foi xustificada coa calidade e o traballo dos alumnos, que cautivou ás máis de 600 persoas e medios de comunicación que estiveron presentes. Non quixeron perder o acto o reitor da Universidade, Alberto Gago; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández; o decano de Belas Artes, Ignacio Barcia, e os representantes doutras institucións que apoian Esdemga como o Concello de Pontevedra, a Consellería de Innovación e Industria, a Deputación provincial, Caixanova, a Asociación Téxtil de Galicia e a Asociación de Industrias do Punto e da Confección.