DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os responsables do evento que se celebrará en marzo de 2019 foron recibidos polo alcalde

O mundo lusófono será o eixo do III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia

Organizado polo Observatorio da Gobernanza G3 e o Igadi

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/11/2018

As relacións de Galicia co mundo lusófono e a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) serán o eixo do III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, que a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade promove xunto co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e que se desenvolverá os días 27 e 28 de marzo de 2019 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “A idea deste congreso é coñecer as oportunidades de Galicia neste espazo internacional, co que temos especial afinidade”, salientou o director do Igadi, Daniel González Palau, trala reunión que, xunto ao profesor da facultade e codirector do congreso Álvaro Xosé López Mira, mantivo este martes co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.

Tras unha primeira edición, celebrada en 2016, que puña o foco “na acción exterior de Galicia desde unha ollada poliédrica”, e unha segunda edición, en 2017, centrada “no papel de Galicia dentro da Unión Europea”, o congreso que reunirá no campus a conferenciantes galegos e internacionais terá entre os seus obxectivos abordar “as experiencias de traballo conxunto” e as “oportunidades de futuro” para Galicia neste espazo internacional, como explicou González Palau. Así mesmo, sinalou o director do Igadi, buscarase tamén “poñer en valor e reivindicar” a chamada Lei Paz-Andrade, a lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada polo parlamento autonómico en 2014. 

Catro áreas de análise

“Estamos comezando a xestionar a estruturación do congreso, dando pasos seguindo as directrices doutros anos e dando especial relevancia á colaboración interinstitucional, que ademais afianza o noso modelo de congreso”, salientou López Mira trala recepción deste martes, na que os directores deste evento agradeceron a colaboración do Concello cun congreso que, lembrou, conta tamén a colaboración “doutras institucións locais e galegas” e que constitúe “unha das actividades que se están consolidando desde o inicio do Campus Crea e que á súa vez colaboran na estruturación” dese proxecto de especialización do campus pontevedrés.

O congreso, que aínda ten pendente definir o seu programa, manterá, como adiantou González Palau, a estrutura das dúas edicións anteriores, de tal xeito que contará cunha mesa institucional, outra centrada no ámbito da economía, un terceiro eixo de debate que porá o foco no eido sociocultural e unha mesa de xeoestratexia. “A idea é que en todas estas mesas poidamos coñecer que é o que está a facer a CPLP como organización internacional e á súa vez contar con expertos galegos e internacionais, especialmente do ámbito lusófono”, salientou González Palau dun evento que “vén a consolidar a liña de traballo que o Igadi ten coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”, desde que este instituto trasladou a súa sede a Pontevedra. Prevese que o evento reúna a preto de 30 expertos e expertas de diferentes países, segundo engadiu López Mira, quen salientou que Galicia e Pontevedra “teñen transcendencia internacional coa organización deste evento”, retransmitido a través de UVigo-TV.

“Desde o Concello estamos encantados de poder recibir iniciativas como esta, congresos que dean a coñecer a cidade”, engadiu trala recepción Alberto Oubiña, quen apuntou así mesmo que este evento “tamén ten moita relación con iniciativas que estamos levando a cabo desde o propio Concello”, lembrando nese senso que a vindeira edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuventil tamén estará dedicado ao mundo da lusofonía.