DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comezou 'SimOC 2011', un foro de debate que reunirá a expertos en computación aplicada a este campo

O mundo da química xira arredor de Galicia

A inauguración contou coa participación de Juan Pou no seu primeiro acto oficial como director da EE

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 15/07/2011

Concienciar ao público en xeral sobre as contribucións da química ao benestar da humanidade. Con esa idea a Unesco declarou o 2011 como Ano Internacional da Química, conmemoración ao carón da que xurde Simulations in Organic Chemistry, SimOC 2011, unhas xornadas para difundir o avance da computación aplicada a esta ciencia que nacen como unha reunión satélite oficial do congreso trianual da Organización Mundial de Química Teórica e Computacional (WATOC) que nesta ocasión se celebra en Santiago de Compostela. “Con estes encontros, Galicia convértese durante uns días no centro mundial da química, un punto de encontro para coñecer os avances pioneiros do sector”, explicou durante a inauguración Carlos Silva, membro da organización do evento.

Organizado polo Grupo Síntese, Simulación e Espectroscopia do Departamento de Química Orgánica en colaboración co Grupo de Análise da densidade electrónica do Departamento de Química Física da Universidade de Vigo e a agrupación estratéxica InBiomed, durante dous días o congreso reunirá a uns 100 participantes de todo o mundo, dende España a Rusia ou Israel, nun foro de debate e discusión creado arredor dun grupo de expertos internacionais de recoñecido prestixio. Entre hoxe venres e mañá xerarase o “ambiente perfecto para promover e establecer colaboracións e sinerxías en distintos proxectos e para compartir as principais contribucións que se están a desenvolver en todo o mundo”, recordou Asunción Longo, vicerreitora de Investigación.

Transferencia de tecnoloxía e ideas

Estes expertos internacionais traballarán man a man cos novos investigadores, que terán un espazo reservado nas xornadas para poder amosar o seu potencial. A unión destas dúas vertentes do mundo da química pretende crear unha contorna propicia para o intercambio de ideas, a transferencia da tecnoloxía e a creación de novas colaboracións. Pero ademais servirá como proxección internacional da Universidade de Vigo como un centro investigador de primeira liña e como instancia dinamizadora da sociedade, garantindo “a súa función difusora dos avances científicos e técnicos, así como a creación e o fortalecemento de redes de colaboración entre os participantes”, puntualizou Silva.

O profesor da Southern Methodist University, Dieter Cremer, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída de uns relatorios nos que participarán ao longo de dous días investigadores internacionais, pero tamén da casa, como a profesora Olalla Nieto, do Departamento de Química Orgánica da Universidade de Vigo. Entre as personalidades de renome, David Birney, do Departamento de Química e Bioquímica da Texas Tech University; Henry S. Rzepa, do Imperial College of London; Ayan Datta, do Indian Institute of Science Education and Research Thiruvananthapuram; ou Barry Carpenter, profesor da inglesa Cardiff University, que pechará os relatorios cunha conferencia sobre a integración de teoría e experimentos no estudo da reducción da contaminación fotoquímica.

Relatores de calidade nunhas xornadas que pretenden dar a oportunidade de acceder a coñecementos avanzados sobre Química Computacional de xeito eficaz entre estudantado, docentes e investigadores nun evento que tamén “conmemora os 70 anos da especialidade de enxeñería química en Vigo. As achegas que compartan neste congreso contribuirán ao avance da carreira da química”, subliñou Juan Pou, primeiro director da recentemente unificada Escola de Enxeñería Industrial na que supuxo a súa estrea nun acto oficial no cargo.