DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A obra gaña o 'II Concurso de Intervencións Artísticas' do campus

Un mural 'En Rede' dará a benvida ao Edificio Xuridico-Empresarial

Os seus creadores son Delio Rodríguez e Salvador Neira

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI 01/04/2011
Para valorizar a entrada do Edificio Xuridico-Empresarial e amosar á cidadanía novas linguaxes de creación, a Vicerreitoría do Campus e as Facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo convocaron en xaneiro o II Concurso de Intervencións Artísticas Campus de Ourense. Este venres deuse a coñecer a proposta gañadora que ocupará as paredes laterais da entrada deste edificio e que dará a benvida a todos os seus visitantes. Trátase de En Rede, un proxecto mural do grupo WASACACA, formado por Delio Rodríguez e Salvador Neira.

Na proposta presentada a concurso os creadores explican que o seu deseño parte da “idea de rede, conectividade, globalidade, colectividade, pluralidade... termos que hoxe máis que nunca están dun modo ou doutro presentes nas nosas vidas”. Con este concepto de fondo Rodríguez e Neira propoñen “un mapamundi inspirado nos mapas web das redes sociais, que na actualidade conectan á poboación mundial como se se tratase dun gran cerebro colectivo en continua sinapses”.

A obra instalarase nas dúas paredes laterais da entrada do edificio, cunhas dimensións cada unha delas de arredor de 6 por 3 metros, e no espazo frontal superior que as une. Nelas quedará reflectido, empregando pintura plástica a aerógrafo e pincel, o planeta terra mesturado con formas abstractas semellantes a unha rede neuronal. “Potenciarase a estrutura da sala, fomentando a magnificencia da mesma e acentuando o concepto de conexión entre longas distancias” apuntan Rodríguez e Neira.

21 propostas presentadas

Ao premio, dotado con 3000 euros, presentáronse un total de 21 propostas de expresións artísticas moi diferentes, desde o mural, como a obra gañadora, á escultura. Para a elección da obra gañadora, o xurado, composto por representantes do campus de Ourense e de expertos do eido artístico, valorábanse especialmente aspectos como a conexión da obra coa contorna, a interacción co edificio e o emprego de materiais que contribuísen á sostibilidade ambiental.

Unha vez executada, a intervención será a segunda que se realice froito do Concurso de Intervencións Artísticas do campus. Na primeira edición desta convocatoria resultou gañadora a obra Formas Naturais, do artista Lasha Makharadze, que acondicionou un dos muros exteriores da biblioteca universitaria cuns grandes insectos que se teñen convertido nun elemento moi representativo deste centro.