DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática de Belas Artes Yolanda Herranz é unha das comisarias de ‘Compartir es vivir’

O Museo da Muller de México inaugura o percorrido por América Latina dunha exposición que reivindica as artistas

A mostra reúne obras de creadoras de seis países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/02/2024

Como unha exposición que “pretende xerar unha reflexión acerca da identidade, a desigualdade, a violencia e a convivencia” define a catedrática da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz Compartir es vivir, unha mostra que reivindica o papel das artistas a través dunha serie de obras “concibidas desde unha consciencia crítica e un posicionamento feminista”. Comisariada por Herranz e a artista e colaboradora do grupo de investigación ES2 Celeste Garrido, a exposición estreouse a finais de 2022 en Marín, reunindo as creacións de 15 artistas de seis países, que agora poden verse no Museo de la Mujer de México, na que é a primeira parada desta exposición en América Latina. 

Dependente da Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM), este museo acolle ata o 31 de marzo un proxecto expositivo que contou co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidades e que se insire nas iniciativas da Colectiva Portal de Igualdad, que ten entre as súas liñas de actuación “o desenvolvemento dunha museografía feminista”, como apunta Herranz. Coa colaboración tamén do colectivo Clásicas y Modernas, Compartir es vivir presenta, entre outras obras, a peza ¿Tienen que estar desnudas las mujeres para entrar en la MET?, unha adaptación ao castelán da obra máis emblemática das Guerrilla Girls, un colectivo de artistas xurdido na década de 1980 nos Estados Unidos co obxectivo de reivindicar a discriminación das mulleres na arte.

Estruturada arredor de “tres piares: reflexión, compromiso e acción-intervención artística”, nesta exposición preséntase tamén as creacións de Mau Monleón, Alissia (María Penalva-Leal), Manola Roig e Samuel Gallastegui da tamén artista e profesora de Belas Artes Mar Caldas e das propias Herranz e Garrido. Xunto ás súas obras, móstranse as das mexicanas Elina Chauvet e Lorena Wolffer, que participaban hai unhas semanas na inauguración desta mostra no Museo de la Mujer, así como as propostas das brasileiras Lilian Amaral, Beth Moisés e Bia Santos, da guatemalteca Regina José Galindo e da colombiana Patricia Glauser. 

De Marín a México

Da man do Concello de Marín, Compartir es vivir presentouse a finais de 2022 no Museo Manuel Torres e a exposición viuse complementada pola exhibición das obras seleccionadas en soportes publicitarios no espazo público. Meses despois trasladouse ao Museu d´Art Contemporani Vicente Aguilera Cerni, de Vilafamés, Castelló, e desde finais de xaneiro pode verse en México. “Para nós, así como para as artistas que participamos na exposición é moi importante que a exposición itinere tanto por España como por outro países, porque difunde a tese do proxecto e dá visibilidade o noso traballo artístico”, salienta Herranz, que recoñece a “ledicia” que supón para as comisarias “o interese que espertou a exposición”, coordinada en México por Fabiola Osorio. 

“Estamos traballando para facer realidade a itinerancia por diferentes países de América Latina”, engade Herranz. Nese senso, actualmente traballan para que poida verse tamén no Brasil, coa colaboración da artista participante Lilian Amaral. “Outra proposta que estamos xestionando é a petición da directora do Museo de las Mujeres de Costa Rica”, engade a catedrática de Escultura, que incide tamén na vontade de exhibila en diferentes partes de España.