DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sala conta tamén cunha exposición fixa na que destaca unha aula franquista orixinal

O Museo Pedagóxico abre as súas portas no campus cunha mostra que repasa 50 anos da educación en Galicia

No terceiro andar do Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 28/05/2009

O espírito de respecto pola historia recóllese no Museo Pedagóxico da Facultade de Ciencias da Educación que abre as súas portas tras catro anos de traballo de recompilación de materiais e documentos por parte dos seus impulsores, que sempre foron conscientes da importancia deste proxecto, “porque o pasado ten moito que ver co futuro e o presente da educación”, afirmou Xosé Manuel Cid, vicedecano da facultade e un dos coordinadores da iniciativa.
O museo, situado no terceiro andar do Edificio de Ferro, consta dunha parte fixa de materias doados pola propia facultade e outras escolas da provincia, e dunha sección que acollerá ao longo do curso diferentes exposicións itinerantes. A primeira delas, Medio século de educación a través da biografía dos mestres republicanos de Parada do Sil, 1921-1971, permanecerá aberta a todo o público dende hoxe e ata o 7 de xuño en horario de mañá e martes e xoves tamén pola tarde. Posteriormente, o museo será empregado como recurso didáctico polo profesorado da facultade que poderá traballar co alumnado os diferentes materiais e “coñecer a historia da educación dun xeito palpable”, engadiu Cid.
O acto inaugural do museo contou coa presenza de varios profesores de facultade; a propia decana Mercedes Suárez; o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez; Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa e o alcade de Parada de Sil, Francisco Magide. Este último agradeceu de xeito especial o traballo de Cid, “por recoller a documentación que tiña a vila e que estaba abandonada, e convertela nun elemento de aprendizaxe e recordo dun pasado que merece a pena poñer en valor”.

Exposición permanente

A mostra permanente do museo estará continuamente en construción, completándose con novas achegas. Entre as dotacións actuais desta parte fixa cóntanse materiais de lectura, libros de pedagoxía históricos, cadernos dos alumnos e moitos máis documentos que “amosan o que foi a escola en diferentes épocas”, indicou Cid. Pero sen dúbida, se algo chama a atención é a aula franquista que provén doutra exposición que realizara a facultade hai anos con motivo dos cen anos da escola. Este apartado do museo amosa “unha aula real dunha escola rural do período franquista”, explicou Suárez. Doada por unha escola da provincia que a tiña en desuso, ademais de contar coa iconografía típica da ditadura, a aula tamén conservan documentos e aparatos da época republicana, “tiñan máquina de coser, proxector de cine e materiais didácticos volumétricos e tridimensionais de gran complexidade”, comentou a decana.
O museo conta tamén cun apartado no que se amosan “aparatos que proceden dos laboratorios de ciencias e manuais para o ensino desta materia”, expuxo Membiela. Algúns centros de secundaria, seminarios e escolas de maxisterio contaban con material científico para a realización de prácticas, dotacións que se recollen nas vitrinas deste museo. Destacan especialmente os aparatos que teñen que ver coa electrostática, os timbres e “unha lanterna de proxección que empregaba un arco para proxectar placas de cristal debuxadas a modo de diapositivas”.

A profesión docente ao longo de 50 anos

Medio século de Educación a través da biografía dos mestres republicanos de Parada do Sil, 1921-1971 é a primeira exposición itinerante que acolle o Museo Pedagóxico. Esta mostra homenaxea a Rosa Pons, mestra catalá exiliada na nosa comunidade e unha das grandes pioneiras do movemento da Escola Nova Europea, e a Alfonso García Rojo, mestre republicano tamén de Parada do Sil. A exposición amosa o labor dos docentes durante a república e a represión que como Pons e Rojo foron salvando a vida e continuando nas escolas, pero tamén se recolle na mostra o traballo doutros mestres represaliados como Antonio Caneda e Antonio Dopazo, que non tiveron tanta sorte como os anteriores e foron paseados.
A exposición itinerante conta con varios apartados temáticos. Por unha banda recóllese todo o relacionado coa profesión docente: “salarios, tomas de posesión, estudos de maxisterio, etc”, explicou Cid. Outro apartado está dedicado aos equipamentos escolares, destacan aquí unhas láminas onde se pode ver o contraste entre unha imaxe que amosa “as escolas de pupitres corridos mirando cara o encerado” e a fotografía doutra escola en Barcelona onde se pode ver a aula “cos nenos traballando en círculo, en función os intereses dos rapaces e o seu nivel de desenvolvemento”, comentou o vicedecano. Unha terceira sección recolle os métodos da Escola Nova, “as saídas de estudo pola contorna e a correspondencia escolar con Barcelona, na que se ve o que se contaban as nenas e que proporciona un estudo antropolóxico magnífico da zona rural”. O derradeiro apartado da exposición itinerante céntrase na escola/sociedade que “amosa a época destes mestres na república, coas misións pedagóxicas, e no período franquismo”; inclúe tamén o retorno de Pons de xubilada a finais dos 60 e a creación do Teleclube de Parada de Sil, por parte da mestra e outros veciños.