DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Música de cámara para celebrar o Día das Letras Galegas

Continúan os actos conmemorativos na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI DUVI 13/05/2008

Cun amplo repertorio de obras clásicas, folclore galego, cine, rock e tango, o grupo Rock de Cámara sumouse este martes aos actos de celebración do Día Das Letras Galegas que se están a desenvolver na Facultade de Filoloxía e Tradución.
Presentados pola profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Amparo Solla, o cuarteto abriu o concerto cunha selección de temas clásicos que deron paso a bandas sonoras de películas de cine como Piratas del Caribe, para seguir cun repertorio máis rockeiro, algo de folclore tradicional galego e un tango.
O grupo, que conta cunha ampla formación musical nos conservatorios profesional e superior de música de Vigo, está formado por dous violíns, Héctor Varela e Mauro Mariño; un violonchelo, David Rodríguez, e unha viola, Yeniffer Gómez, que levan formando parte da Orquestra Clásica de Vigo dende o ano 2000.
Rock de Cámara, que conta entre os seus integrantes con dous exalumnos de Filoloxía, xurdiu hai dous anos como cuarteto e están a piques de gravar dous novos CDs, un de música rock e outro de cine ou bandas sonoras.
O acto oficial da Universidade en conmemoración do Día das Letras Gelegas celebrarase este xoves 15 de maio no Teatro Vidal Bolaño. No transcurso da celebración, que contará coa actuación do grupo Treixadura, farase entrega dos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria.