DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría promove un concerto das pianistas Aci Taveira Meyer e Fátima Ambiel

Música a catro mans con alma brasileira

Terá lugar este xoves 13, con entrada libre ata completar aforamento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/09/2018

Dialogando a 4 mãos: Som Brasil é o título do concerto no que as pianistas Aci Taveira Meyer e María de Fátima Ambiel efectuarán un percorrido a catro mans polas obras de diferentes compositores brasileiros. Promovido pola Vicerreitoría do campus, este concerto do Dúo Alma Brasileira desenvolverase no Teatro Principal a partires de 20.30 horas e contará con entrada libre ata completar aforamento. “Neste concerto, darase un enfoque especial aos compositores da música brasileira, amosando un pouco dos seus encantos e diversidades”, saliéntase no texto de presentación da actuación en Pontevedra dun dúo que centra os seus recitais en ofrecer “un repertorio de altísimo nivel, promovendo e axudando na democratización da arte musical brasileira”. 

Nesta ocasión, ambas porán sons sobre un mesmo piano a un repertorio composto por Seresta (Opus um) de Aylton Escobar, a Suite Brasileira nº 4 de Osvaldo Lacerda, o tango Batuque de Ernesto Nazareth, a Suite 2003 de W. Henrique e E. Malhe, Congada de Francisco Mignone, Os chorões da Paulicéia e a apertura da ópera Poranduba de Edmundo Villani-Côrtese e O Guarani de Carlos Gomes. Trátase, como sinala o profesor da Área de Didáctica da Expresión Musical da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marco Lucato, dun programa conformado por obras de diferentes representantes da música culta contemporánea no Brasil abordadas a través do piano a catro mans; repertorio que previamente presentarán na propia facultade, nun concerto dirixido ao alumnado do centro que terá lugar ás 12.30 horas.  

Concertistas e docentes

Pianista, pedagoga e educadora musical, María de Fátima Ambiel formouse como pianista nos conservatorios Henrique Castellari de Salto e Carlos Gomes de Campinas e ao longo da súa traxectoria musical ten participado en varios traballos como solista e como pianista de conxunto de cámara, así como de pianista acompañante de diferentes cantantes brasileiros. Facetas que á súa vez combina co seu labor como educadora musical no Conservatorio Musical Carlos Gomes, na Universidade Estadual de Campinas (Unicamp) ou na Escola de Música Nabor Pires Camargo, da que é directora e profesora de piano. Do mesmo xeito, tamén música e docencia se combinan na traxectoria de Aci Taveira Meyer, pianista graduada pola Universidade Federal de Goiás, que fixo a súa mestría na Universidade Federal de Río de Janiero e doutorouse na Unicamp, e que combina as actuacións como solista e música de cámara co seu labor como docente na Escola de Música de Brasilia, na Universidade Federal de Río Grande do Norte e na Unicamp.

O coro inicia un novo curso

Ademais de recibir o xoves a Meyer e Ambiel, Ciencias da Educación e do Deporte será un curso máis o espazo no que se desenvolvan os ensaios do Coro do Campus de Pontevedra, que darán comezo o vindeiro 17 de setembro e que se desenvolverán nas xornadas de luns e xoves de 18.00 a 20.00 horas na aula de música desta facultade. “Calquera persoa interesada pode presentarse directamente no ensaio para inscribirse”, sinala Lucato, director dunha formación aberta tanto a alumnado, profesorado e persoal da Universidade como a persoas alleas á institución académica.