DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre as principais novidades destaca un un curso de patinaxe dirixido pola mundialista Tamara Valde

Música, deporte e… moito movemento nos novos obradoiros

Abertos a toda a cidadanía, o prazo de matrícula manterase aberto ata o vindeiro 15 de febreiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
D. Besadío DUVI 04/02/2013
Creatividade pensada pór e para o alumnado do campus pontevedrés. A Vicerreitoría do campus de Pontevedra abriu este luns o prazo de matrícula para os obradoiros do segundo cuadrimestre, seis novas propostas “pensadas para quen lle guste aprender e experimentar cousas novas”, tal como subliña Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus, quen subliña que o principal obxectivo deste tipo de actividades é complementar a formación que se ofrece nos graos e posgraos. Abertos a toda a cidadanía, pero pensados especificamente para o alumnado do campus, a nova programación de obradoiros segue fiel o espírito destes cursos renovando a aposta pola creatividade e ofrecendo un programa multidisciplinar que tenta dar cabida ás necesidades formativas do alumnado matriculado nas diferentes titulacións do campus.

A principal novidade desta convocatoria será un obradoiro Patinaxe, unha actividade pensada especificamente para o estudantado de Ciencias da Actividade Física e do Deporte “pero que, sen dúbida, pode resultar atractiva para calquera persoa”, subliña Fernández Souto, que adianta que este taller será impartido pola mundialista internacional Tamara Valderrama, unha das máximas representantes do patinaxe galego, “e ex- alumna desta Universidade”. Con 21 horas de duración que se prolongarán do 12 de marzo ao 21 de abril, o obradoiro combina unha parte teórica, que se celebrará na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cunha práctica que se levará a cabo no Pavillón A Xunqueira II.

E se o patinaxe é movemento, movemento tamén é o que busca o profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Uxío Pérez co obradoiro Música e movemento para educación infantil e primaria, unha proposta alternativa “que non vai deixar indiferente a ninguén”, destaca a responsable da Área de Extensión Cultural.

A elevada demanda leva a repetir algúns títulos

O éxito acadado no primeiro cuadrimestre, no que moitos interesados quedaron fóra por falla de prazas, levou a reeditar o taller Fotografía publicitaria e de moda, dirixido pola profesora Mónica Valderrama, e que se imparte na aula de fotografía e plató de cine da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O mesmo acontece con Gravación e posprodución, “un clásico da nosa oferta de obradoiros, xa que a demanda deste tipo de formación sempre é moi alta”, subliña Fernández Souto. Trátase do obradoiro de maior duración, 32 horas que se impartirán do 13 de marzo ata o 1 de maio, no estudo de gravación e son de Ciencias Sociais e da Comunicación.

A oferta de obradoiros complétase con Voluntariado, que se impartirá ao longo do mes de abril na Escola de Enxeñaría Forestal, e Comunicación, expresión e linguaxes: estratexias interpersoais e creatividade, que impartirá a especialista en desenvolvemento de habilidades persoais Charlotte Mouly. Será ao longo do mes de marzo na aula tecnolóxica da Casa da Campás.

Descontos do 50% para os bolseiros da Universidade

O período de matrícula para os obradoiros permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de febreiro e o prezo roldará entre os 30 e os 40 euros para o público en xeral, cun desconto do 50% para os bolseiros da Universidade e do 25% para o resto da comunidade universitaria. Ademais, os participantes nos seminarios poderán obter 1 ou 2 créditos ECTS en función do número de horas do curso. Para máis información, pódese visitar a páxina web da vicerreitoría ou ben mandando un correo electrónico a campuspontevedra@uvigo.es