DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este mércores unha sesión de Sonoridades no Tempo

Música e historia dialogan sobre a arte contemporánea

Os asistentes descubriron como a tradición tamén está presente nas partituras actuais

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 29/05/2013

“A música contemporánea non pode gustar a todos os públicos pero pensamos que se se explica de onde vén e o que é exactamente a xente pode aprender a apreciala, a vela doutra maneira. Se se entende a súa historia e como bebe da tradición, o público pode deixar de considerala como "ruído" e comezar a verlle o seu lado interesante”. Deste xeito, explicou Celia Adrián Rodríguez como xurdiu a idea de organizar este mércores na Facultade de Historia do campus de Ourense a sesión de música didáctica Sonoridades no Tempo, unha iniciativa que nace dentro do Programa de Voluntariado Cultural do centro ourensán.

Celia Adrián Rodríguez, docente do conservatorio de música de Ourense e alumna da Facultade de Historia, foi a encargada xunto á titulada do centro Laura Rodicio de guiar aos asistentes nun percorrido musical que partiu na Idade Media e que chegou ata a actualidade. Nun diálogo permanente entre as dúas, Celia Adrián puxo a música en vivo tocando o acordeón e empregando música electrónica, contando co apoio dunha alumna súa do conservatorio, e Laura Rodicio fixo as achegas históricas apoiadas en imaxes. Deste xeito, no Edificio de Ferro do campus soaron as pezas Cantiga, do 2006 e do compositor Aurélio Edler-Côpes; Romance, obra de Frank Angelis, de 2001; Gnosienne Nº 1, do ano 1890 e autoría de Erik Satie; e Melodía, de Toshio Hosokawa e datada en 1979. En total, escoitáronse catro ámbitos musicais diferentes e de compositores de distintas nacionalidades, coa presentación dunha serie de proxeccións que facilitaron a comprensión das pezas e a súa conexión co pasado.

Moito descoñecemento

“Obras como Cantiga ou Romance son actuais e sen embargo usan elementos da tradición, das Cantigas de Afonso X no primeiro caso e do Romanceiro do século XVI no segundo. Pezas como estas amosan como a música contemporánea non é allea ao pasado e como ten un fondo máis complexo e rico do que unha persoa que non a coñeza poidan pensar a priori”, destaca a profesora de música. Ese contraste entre música actual e antiga e historia presente e pasada, destacou, fai moi atractivas estas pezas e a música contemporánea en xeral. “O público deste tipo de música está claro que é reducido pero tamén está claro que hai que romper tópicos porque moitas veces a xente non se achega a ela por descoñecemento. A música contemporánea en Galicia case non ten espazo e en Ourense aínda menos”, subliñou Celia Adrián Rodríguez.

Con este programa e apostando por un formato innovador, os promotores da iniciativa quixeron contribuír a dar a coñecer os contextos e os valores básicos da tradición musical e do patrimonio cultural e compartir a audición de obras musicais de diferentes estilos e procedencias como forma de comunicación, de educación cultural e de crecemento persoal. Foi, explicaron, unha forma de achegar á xente de forma intuitiva os xéneros e elementos básicos da forma musical e de estimular a escoita activa e a análise de obras como exemplos da creación artística, do contexto histórico e do patrimonio cultural, recoñecendo as intencións e as funcións que teñen co fin de aprecialas e relacionalas cos gustos e valoracións propias. Este diálogo historico-musical xorde, ao fin, do desexo da Facultade de Historia do campus de potenciar a súa participación nas accións de voluntariado desde a perspectiva dun humanismo implicado na acción social e cultural.