DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actuacións de Mishima e Manos de Topo

Música independente con denominación de orixe catalá na segunda sesión de Sonora08

A chuvia non impediu a celebración do magosto en Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 12/11/2008

Os grupos cataláns Mishima e Manos de Topo sucedéronse sobre o escenario do Teatro Vidal Bolaño do campus universitario na segunda sesión do ciclo Sonora 08.
Os barceloneses Mishima, considerados un dos referentes do novo pop cantado en catalán, foron os encargados co seu último traballo, Set tota la vida, de inaugurar esta tarde-noite musical coa que se pechou o ciclo Sonora 08.
O grupo liderado polo cantante, guitarrista e compositor, David Carabén, deixou mostra ante o público que se deu cita no Teatro Vidal Bolaño do seu particular xeito de entender a música na que proliferan o uso das caixas de ritmos, a mestura do son en baixa e alta fidelidade e as guitarras españolas.
Desde a súa fundación en 1999, Mishima editou catro discos, os dous primeiros con letras en inglés e o terceiro e o cuarto nos que adoptaron o catalán como vehículo de expresión.

A revelación da música independente española

A decisión de colgar as súas primeiras cancións en Myspace, abriulle a Manos de Topo as portas do éxito. O grupo barcelonés, do que tamén forman parte os vigueses Rafa de los Arcos e Alejandro Marzoa, e completan Miguel Ángel Blanca e Pau Juliá, ofreceu unha posta en escena brillante ao máis puro estilo traxicómico. A formación que esta considerada como unha das grandes esperanzas da música independente no panorama español, ofreceu un percorrido polas composición do seu primeiro LP, Ortopedias Bonitas, editado por La Colazione no 2007.
Herdeiros de Golpes Bajos,. El Niño Gusano e Sr.Chinarro, Manos de Topo están a piques de pechar un ano histórico no que tocaron nalgúns dos máis importantes festivais como o Primavera Sound, FIB ou Faraday.

O magosto impúxose á chuvia

O tradicional magosto organizado pola Facultade de Filoloxía e Tradución viuse este ano deslucido pola meteoroloxía. Pero as inclemencias do tempo non foron quen de impedir a celebración do que pasou a chamarse I Festival Folkstañazo. As actividades trasladáronse á cafetaría do centro e, segundo explicaba Paloma, responsable da cafetaría e parte da organización deste evento, “as castañas asadas teñen que ser substituídas por castañas ao forno”. Malia estes contratempos, dende a Delegación de Alumnos decidiuse seguir adiante co programa de actividades que, neste quinto ano consecutivo de magosto na facultade, se ampliou e diversificou.
50 quilogramos de castañas e unha queimada de balde quentaron unha tarde fría e húmida no campus. Grupos de gaitas e música tradicional animaron a festa que ateigou a cafetaría do centro, algo que a organización pretender que se converta Festival Folkstañazo. Este magosto naceu anos atrás co obxectivo de achegar as tradición galegas máis ancestrais aos estudantes estranxeiros, que na Facultade de Filoloxía e Tradución son moi numerosos e de múltiples procedencias.
Outra das novidades deste ano foi o posto de comida e bebida típica e o troco de libros. Dende a Delegación de Alumnos, que traballa nesta iniciativa para recadar fondos para a viaxe fin de carreira, quixeron así continuar cunha idea posta en marcha por primeira vez na celebración do patrón do centro, San Isidoro de Sevilla, no pasado curso. Sen ánimo de lucro, trátase de fomentar a lectura facilitando o intercambio de exemplares entre os membros da comunidade universitaria. Paralelamente os estudantes e profesores puideron degustar pasteis e tardas tradicionais, cremas e licores da terra e incluso mercar artesanía nun pequeno posto que ofrecía dende pendentes ata bufandas. Finalmente, parte dos membros da organización puxeron en escena unha pequena comedia teatral, coa que lle deron unha volta ao tradicional conxuro da queimada.