DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Música e ironía na Intercultural co espectáculo do cantautor Riki López

O artista interpretou temas do seu último disco, "Buenrollitina"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 17/03/2010

Riki López era máis de letras pero confesa que estudou a carreira de Ciencias Empresariais porque lle gustaba unha rapaza do instituto e ela escolleu esa opción. “Fixen estes estudos para seguir cerca dela”, afirma. Sen embargo, moi pronto se deu conta de que aquilo non era o seu e decidiu abandonar o barco a falta dun ano para ter o título. Traballou de camareiro e compaxinou esta profesión con pequenas actuacións en acampadas e reunións de amigos que o animaron a dedicarse ao mundo do espectáculo. Decide entón apostar polo que máis lle gusta, actuar. O seu primeiro disco sae á luz no ano 1997 baixo o título de República Anónima e, dende aquela, desenvolve unha prolífica carreira como compositor e humorista, vertente cara á que foi derivando o seu espectáculo co paso do tempo. O cantautor presentou este mércores no campus o seu último traballo discográfico, Buenrollitina, no marco das actividades organizadas con motivo da Intercultural.

Un espectáculo cargado de ironía e humor

Riki López defínese a si mesmo como un cantautor. Segundo as súas palabras, “empecei como cantautor e por iso me dedico ao mundo do espectáculo. Sen embargo, co paso do tempo funme convertendo nun cómico, nun humorista, fun adquirindo máis e máis recursos estilísticos e son consciente de que moitos espectadores acoden ás miñas funcións por esta rama cómica. Eu noto e son consciente dese cambio nas miñas actuacións, algo que só responde a unha evolución, a un adaptarse ás circunstancias”, explica. Esa vena cómica engalana todas e cada unha das cancións do artista xa que no seu espectáculo cada tema vai acompañado dunha historia, dunha crítica, de toda unha filosofía da vida que esperta o sorriso e por veces a gargallada do espectador. Todo iso nun escenario no que todo o peso da función recae no cantautor. Unha cadeira, un micrófono e unha guitarra son os únicos elementos cos que conta para seducir ao público. “Efectivamente todo o peso do espectáculo recae sobre min –explica o artista- pero é que actuando só é como máis cómodo me sinto. Actuar nun escenario baleiro, onde eu me meto e do cal eu teño que saír é unha realidade que me mantén moi vivo no escenario, que me ten no fío da navalla”, declara.

Cancións que invitan á reflexión

Riki López asegura non coñecer cal é a fórmula da creación. “Non busco a creación, é algo que me chega traballando”, declara. As súas cancións falan da vida cotiá, de realidades como o amor ou o desamor, coas que todos nos sentimos identificados, completadas por uns comentarios sarcásticos nunha receita que consegue enganchar ao espectador. Pero non todo é humor porque nas composicións de Riki López hai tamén unha invitación á reflexión sobre distintas temáticas. “Cando fago unha canción intento transmitir algo pero sen que se note demasiado. Non pretendo ir de iluminado senón que o que quero é deixar o camiño aberto para aquel espectador que queira pillar a mensaxe”.

Espectáculo de maxia co ilusionista Martín Camiña

A próxima actuación dentro da Intercultural será o día 24 de marzo, ás 20.00 horas, na sala multiusos do Edificio de Ferro e correrá a cargo do ilusionista Martín Camiña que presentará o seu espectáculo Feitizo, unha función que mestura a maxia, o humor e a participación do público percorrendo os diferentes estilos da arte da ilusión.