DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A música de Love of Lesbian volveu encher de público o Vidal Bolaño

O grupo barcelonés presentou o seu derradeiro traballo 1999

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 16/10/2009
O concerto do grupo Love of Lesbian volveu onte encher de vida o Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria coa presentación do seu derradeiro traballo 1999, co que consolidan unha carreira iniciada hai xa once anos. Foi o pistoletazo de saída dunha programación cultural diversa e vangardista que achegará ao campus concertos, representacións teatrais, espectáculos de rúa e incluso proxeccións de longametraxes.
O grupo de indie pop barcelonés fixo vibrar ao numeroso público asistente que non dubidou en calificalo como “unha das bandas máis sólidas do pop nacional”. Santi Balmes (voz, guitarra e teclados), Jordi Roig (guitarra, teclados), Joan Ramón Planell (baixo, sintetizador), Oriol Bonet (batería, programación) e Julián Saldarriaga (guitarra, voz) foron os encargados de presentar o que é o seu terceiro disco en castelán, para o que contaron coa colaboración de numerosas bandas e solistas como Sidonie, The New Raemon, Carlos Gros ou Zahara.

Próxima cita o 29 de outubro con Covalblú

A música volverá de novo ao Roberto Vidal Bolaño o vindeiro 29 de outubro cunha proposta moito máis local, xa que nesta ocasión os asistentes poderán achegarse ás propostas de Covalblú, un novo grupo galego ao que a Universidade de Vigo lle brinda a oportunidade de subirse a un escenario, na súa firme aposta por apoiar a grupos emerxentes.