DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entrega dos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución

Música, poesía e tradución unen forzas na defensa do idioma galego

Sés pechou cun concerto acústico a programación cultural da Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 16/05/2012

“Festa das letras e da lingua”, así resumiu o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, o acto de entrega dos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución cos que a Universidade de Vigo rende a súa particular homenaxe á creatividade literaria en galego. Amenizado pola inconfundible voz de María Xosé Silvar, Sés, a celebración do Día das Letras Galegas, tivo na Universidade de Vigo un claro sabor literario musical. Da música arxentina coa interpretación dunha “milonga de aquí”, como subliñou Sés, aos versos do poema A cor dura da pel, de Marisol Gándara, gañadora do premio de poesía ou á voz do filólogo Xabier Xil Xardón cos versos de Volvería ao frío e Vou falar dar, as dúas pezas coas que se fixo cos dous accésits dos premios de poesía, a entrega destes galardóns converteuse nun acto cargado de humor, ironía e crítica.

A poesía e a música “en galego” compartiron espazo co relato curto e a tradución. Recolleron o premio Xandra Táboas, gañadora da categoría de Relato Curto coa peza Navy Bar; Pedro Xoaquín Peón, con Desculpe Señor Darwin e María Lago González por Tetraloxía do inexplicable, parte dúas: Booth Museum. En Tradución Literaria, onde o primeiro premio quedou deserto, recolleron o galardón Guillermo Rosales, 1º accésit pola tradución dun texto do escritor británico Mark Gatiss, e Martina Corral, 2º accésitg, pola tradución dun texto de Chimo.

Referencia no panorama literario galego

Organizados pola Área de Normalización Lingüística, os premios “son xa referencia no panorama literario galego”, subliñou Xosé Henrique Costas, que acudiu a esta cita non só como vicerreitor de Extensión Universitaria, senón tamén como presidente do xurado. “A min encántame dicir que estes premios son xa un gran alcouve para o país”, apuntou, en referencia a que “moitísima xente empezou aquí a súa carreira literaria e hoxe están publicando e gañando premios”. Xosé Darío Costas Currás, Lucía Novas, Iago Castro, Isaac Xubín... foron algúns dos nomes aos que fixo referencia o vicerreitor, “talentos que no seu día foron premiados aquí e que seguen a dar boa fe da súa valía”.

Tampouco se esqueceu Costas dos galardoados na categoría de tradución “xente que está sacando adiante a literatura universal na nosa lingua” e neste senso, fixo fincapé, no importante papel das traducións, non só nas combinacións máis habituais como ingles-francés-alemán/galego senón tamén doutras como húngaro-galego ou xaponés-galego “por citar dous exemplos”. Neste marco de letras e linguas, o vicerreitor dedicou unhas sentidas verbas á profesora de ruso Alexandra Koff, recentemente falecida, “que mellor para homenaxeala ca lembrar unha das súas frases, máis acaída ca nunca nestas datas: a nosa tradición culta é resistir”, destacou o vicerreitor, que estivo acompañada no acto pola concelleira do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Vigo, Iolanda Veloso.

Ritmos americanos repensados en galego

"Deseñar utopías para encher de luz os días...”, “loitar se a loita é precisa e rir se é preciso rir”... son fragmentos dalgunhas das pezas interpretadas no acto por Sés, que estivo acompañada polo guitarrista Tito José Calviño. Con títulos como Tempestades de sal, cantoulle ao amor e ao desamor, a revolución e, sobre todo, a non submisión.. . “está na nosa man erguernos fronte a esta usurpación de identidade que estamos a sufrir...”. Autora de todos os temas, o carácter, a forza e a creatividade de Sés trouxo ata o campus de Vigo o jazz, as rancheiras, as milongas... “repensados en galego”. Foi o broche final da programación cultural deste curso.