DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense celebra dous concertos con artistas galegos e lusófonos

Música para sentir máis preto a lingua portuguesa

Estarán Uxía Senlle, Aline Frazao, Sérgio Tannus, Ugia Pedreira e Fred Martins

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 10/05/2011
Un dos mellores xeitos de achegarse a un idioma é a través da súa música. Se ademais a lingua en cuestión ten tanta musicalidade e proximidade como o portugués todos os factores se xuntan para que un concerto sexa unha fórmula perfecta para achegarnos a ese idioma. Con este obxectivo o campus de Ourense organiza Portugués Perto, dous concertos que contarán coas actuacións dos artistas Uxía Senlle, Aline Frazao, Sérgio Tannus, Ugia Pedreira e Fred Martins.

Filemón Rivas, técnico de actividades culturais do campus, salienta que “a idea de Portugués Perto é achegar a lingua e cultura lusófonas á comunidade universitaria e á cidade a través de artistas galegos e lusófonos que xa teñan traballado xuntos”. Deste xeito, Portugués Perto comezará o mércores 11 de maio cunha conferencia-concerto titulada Travessia de Saudade. Será un paseo musical pola lusofonía no que a artista galega Uxía Senlle estará acompañada á guitarra por Sérgio Tannus e no que a compoñente lusa estará representada por Aline Frazao, unha artista angoleña que fusiona na bossa nova as súas raíces dispersas en diferentes territorios lusófonos. O día seguinte, o 12 de maio, a inciativa traerá ao campus aos artistas Ugia Pedreira e Fred Martins para ofrecer un concerto no que o dúo galego-brasileño amosará unha vez máis a súa boa sintonía, da que xa naceu o disco Acróbata.

As oportunidades do portugués

A iniciativa, explica Filemón Rivas, está organizada pola Vicerreitoría do Campus pero xurdiu a proposta de Noemí Vázquez, profesora de Lingua Portuguesa na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Tendo en conta a súa experiencia docente nesta lingua, Vázquez salienta que é importante realizar accións de divulgación coma esta para incentivar á aprendizaxe deste idioma entre a comunidade universitaria. “Para os galegos resulta máis fácil aprender o portugués que calquera outro idioma e o portugués é unha lingua é moi útil, pola proximidade xeográfica e polas oportunidades que ofrecen países emerxentes coma Brasil. Estamos falando do quinto idioma máis falado do mundo”, apunta a profesora.

Os concertos, que se celebrarán ás 20.30 horas na sala multiusos do Edificio de Ferro, son de balde e están abertos a todas as persoas interesadas en achegarse a este idioma a través da mellor música.