DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conta por segundo ano cunha aula na que iniciarse e perfeccionar o manexo de instrumentos

A música tradicional consolida o seu espazo no campus

25 persoas participan nesta iniciativa da Vicerreitoría

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 20/02/2019

Gaitas, zanfonas, frautas, pandeiros e pandeiretas teñen un espazo formativo de seu no campus de Pontevedra, onde por segundo curso se desenvolve a Aula Permanente de Música Tradicional, unha actividade impulsada pola Vicerreitoría do campus que que reúne cada semana na Escola de Enxeñaría Forestal a 25 alumnos e alumnas, máis da metade persoas alleas á comunidade universitaria, co propósito de iniciarse ou ampliar os seus coñecementos sobre algúns destes instrumentos. “Imos calando pouco a pouco”, salienta o PAS da Escola de Enxeñaría Forestal Luis Torres, director dunha actividade que suma cada curso novos participantes é que dá continuidade aos obradoiros sobre interpretación de instrumentos populares galegos impulsados en cursos previos e que deron pé, á súa vez, á creación dun grupo de música popular no campus.

De carácter anual, pero con prazos de inscrición cada cuadrimestre, esta actividade formativa, que corre a cargo do gaiteiro e profesor de música tradicional Luís Sánchez Bolón, ten como obxectivos a difusión e posta en valor da música popular galega así como ofrecer tanto a posibilidade de iniciarse na interpretación dun instrumento tradicional como dotar ao alumnado dos recursos necesarios para o seu desenvolvemento musical. “É o segundo ano como aula permanente e hai alumnos que levan xa desde o principio polo que hai xa un grupo de traballo estable, que se vai consolidando, mais outra xente que se vai sumando”, sinala Sánchez Bolón dunha aula marcada por unha banda pola continuidade de moitos alumnos e alumnas desde os seus inicios, pero que, por exemplo, no prazo de novas inscricións aberto en xaneiro, incorporaba tamén a dous novos alumnos do campus. 

“En xeral a maioría da xente vén doutros anos, algúns desde o principio”, engade Torres dunha aula integrada, en preto do 60%, por persoas alleas á comunidade universitaria, ás que se suman tamén persoal de administración e servizos, docentes e estudantes do campus, aínda que nese senso recoñece que polo de agora non conseguiron chegar con esta actividade a un maior número de alumnos e alumnas “que poden tocar un instrumento nas súas vilas de orixe e que terían aquí un espazo no que continuar ensaiando”.

Traballo con diferentes grupos

Tendo en conta a variedade e de instrumentos e de niveis que se reúnen nesta actividade e co propósito de que cada alumno e alumna poida avanzar no manexo do instrumento seleccionado segundo o seu nivel, o traballo con estes 25 participantes nas sesións que se desenvolven cada mércores na EE Forestal lévase a cabo con diferentes pequenos grupos. "Elaboras unha programación case especial para cada grupo, en función das súas necesidades, un pouco coa idea de atender a diversidade que hai na aula", salienta Bolón dunha actividade que, con ese obxectivo, dedica ás primeiras horas de cada sesión ao traballo con aqueles e aquelas que se forman en gaita e frauta, para pechar cada xornada co traballo coas dúas persoas que se atopan aprendendo zanfona e con “pequenos grupos de catro e cinco persoas” que abordan diferentes instrumentos de percusión, “desde o tambor, bombo e pandeireta, que sería o máis típico, ata pandeiro, pandeira ou tarrañolas”.

A franxa central de cada xornada, por outra banda, está dedicada ao traballo en grupo, á que os e as asistentes sumen os seus instrumentos e traten de interpretar pezas en conxunto. “Xuntamos as zanfonas e as frautas cos pandeiros e cunchas e queda un grupo máis acústico e logo os gaiteiros, tamboriles e bombos”, apunta Bolón dunha actividade na que se van articulando diferentes grupos, tamén co propósito de que sirva aos e ás máis experimentados para preparar futuras actuacións do grupo de música. “Hai xa un grupo de traballo estable, polo que, dentro do que cabe, o obxectivo é ter un grupo que poida tocar catro ou cinco pezas, de maior ou menor dificultade, pero que as toquen ben, cos seus arranxos”, salienta este músico.