DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro das "VII Xornadas Interxeracionais" coa participación de máis de 200 persoas

Música, xogos e contacontos como nexo de unión de tres xeracións no campus

A cantautora Socorro Lira presentou o proxecto literario-musical "Cores do Atlántico"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 29/04/2010

Victoria Alonso é unha muller de 80 anos, “xa moi preto dos 81” como ela mesma matiza, que está a xogar á "pica” no pavillón de deportes do campus con outras persoas da súa idade pero tamén con outras máis novas. Amósase “moi contenta” de participar nesta actividade porque supón “un día diferente no que se nos brinda a posibilidade de coñecer xente nova que nos achega moito ánimo e enerxía”, declara. Moi preto dela está Anxo Gómez, un neno de 10 anos estudante de Primaria que non oculta a súa alegría por gozar tamén do xogo. Victoria e Anxo forman parte do grupo de máis de 200 persoas que se reuniron este xoves no campus ao abeiro das VII Xornadas Interxeracionais, unha actividade organizada pola Facultade de Ciencias da Educación, entre outros colectivos, que xuntou nun mesmo espazo de ocio e lecer a distintas xeracións dende os 7 aos 85 anos. A iniciativa persegue unha dobre finalidade que subliña Angélica Ferro, profesora de Educación para a Paz. “O que queremos é que se estableza un contacto entre as diferentes xeracións para que desenvolvan unha aprendizaxe mutua e proporlles tamén aos participantes un modelo de ocio diferente”, declara. Unha das actividades da xornada foi a realización de xogos populares como a billarda, os birlos, a corda e a peonza coordinados polo Centro Cultural Popular Xaquín Lourenzo e tamén por persoas maiores dos grupos participantes, un punto de encontro no que Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, fixo especial fincapé porque, segundo sinalou, “unha das finalidades desta xornada de convivencia é tamén a de contribuír á recuperación da cultura tradicional a través dos xogos populares”, sinala.

Mestura de xogos modernos e tradicionais

Durante a mañá os participantes gozaron dunha selección de xogos pensados como dinámicas de grupo e que mesturaban tradición e modernidade como o deseño e confección dun mural ou o xogo do paracaídas. Tamén houbo actividades deportivas como taichi e ioga para compartir, de seguido, unha comida nos xardíns do campus. Contacontos, actuacións musicais e teatrais e unha merenda interxeracional amenizada con regueifas a cargo do Trío Liro completaron a programación da xornada. Casimira Fernández, de 61 anos, cualificaba a iniciativa de “excelente, porque permite a unión entre as distintas xeracións” e aseguraba estar “encantada” co amigo que xa fixo nas xornadas, “un rapaz venezolano que xa me contou toda a súa vida”. Este contacto da xente moza cos maiores é unha característica da iniciativa subliñada tamén por Ana López, unha rapaza de 24 anos estudante de Educación Social. “É moi divertido e moi emotivo tamén ver o ben que o pasan as persoas máis maiores e como participan activamente en todas as actividades do programa”, afirma. Marisa Justo, unha das promotoras da iniciativa xunto con Millán Brea e Xosé Manuel Cid, non ocultaba o seu orgullo polo éxito e a consolidación dunha actividade que comezou hai sete anos como un pequeno proxecto de intercambio entre uns poucos estudantes de Educación Social e persoas maiores e que se amosa agora como unha actividade de referencia no campus.

Música e voz para as Cantigas de Amigo

As Cantigas de Amigo son o xénero máis autóctono da nosa lírica medieval. Conta o profesor Isaac Alonso Estravís, agora xubilado, que nos seus anos de mestre invitaba aos estudantes a interpretar os textos na aula porque, na súa opinión, “unha cantiga que se le sen máis perde moito sentido e, pola contra, adquire pleno valor cando é cantada e representada”. Este é precisamente o obxectivo que persegue o proxecto literario-musical Cores do Atlántico no que a cantautora brasileira Socorro Lira musicaliza unha selección de 16 Cantigas de Amigo e no que hai tamén un traballo literario desenvolvido por Ria Lemaire, especialista en Literatura Medieval da Universidade de Poitiers. No transcurso do acto de presentación do libro-disco Cores do Atlántico a cantautora Lira falou da difícil selección dos 16 textos entre as 500 cantigas existentes. Revelou tamén a compositora que para facer as músicas imaxinouse como sería a vida daquelas mulleres que cantaban o seu amor ao home “se non tivesen pasado máis de dez séculos de historia de represión e confinamento ao ambiente doméstico” e subliñou que o seu obxectivo foi o de facer un disco “actual, contemporáneo e que chegue á xuventude”. A publicación está producida por Pai Música e está xa á venda nas librerías a un prezo de 25 euros.