DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un musical protagonizado por estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación abrirá a programación de CultuKata'10

Os organizadores venderon hoxe variedades de biscoitos para recadar fondos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
E.L. Castro DUVI 16/03/2010
A semana cultural en torno a Santa Kata, o CultuKata'10, arrincará este ano coa presentación dun musical realizado e protagonizado por estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Utilizaremos varias cancións coñecidas e faremos unha coreografía conxuntan para animar á xente a participar na programación de toda a semana”, sinala Cintia Ramírez, unha das alumnas integrantes do comité de organización. O seu obxectivo é propoñer unha maneira diferente de arrincar a celebración, posto que nas edicións anteriores non había unha actividade que marcase o comezo.
Esta é unha das novidades do programa que semana a semana avanzan os coodinadores do CultuKata. A algo máis dun mes para a celebración da festividade ultiman as xestións para pechar o que queda por decidir e por confirmar e cadrar cada actividade no calendario. Moitas das actividades xa perfiladas prefiren reservalas para manter a curiosidade de cara á presentación xeral do programa.
A onomástica de Santa Catarina de Siena cae este ano o 29 de abril, polo que as actividades darán comezo o día 21 e o que está xa confirmado é que xirarán en torno ao tema A música no cinema e na publicidade. Un ciclo de conferencias impartidas por profesionais do cinema, a música e a publicidade; un concurso para realizar unha curtametraxe en 24 horas; o tradicional concurso de camisetas; proxeccións de filmes musicais; e unha recuperación das proxeccións interactivas da mítica The Rocky Horror Picture Show, popularizadas nos anos 80 en sesión golfa, son algunhas das actividades que incluirá a programación da semana cultural deste curso en torno a Santa Kata.
Este ano queren tamén facer unha chamada á concienciación ecolóxica coa distribución de vasos de plástico reutilizables para a gran celebración final do día 29, un pequeno xesto que, cando menos, contribuirá a manter o campus limpo.

Segundo martes doce

Por segundo martes consecutivo, o comité organizador propuxo comezar o día cunha tentación doce. Hoxe tocaba “biscoito e algo máis...”. Por tan só 1€ podíase escoller entre unha ración de brownie, torta de queixo, torta de galletas, torta de mousse de chocolate ou biscoitos variados. É a segunda proposta do Marzo Doce, unha das iniciativas que puxeron en marcha os organizadores para recadar fondos.
Os alumnos e alumnas de Publicidade e Relación Públicas e Comunicación Audiovisual aproveitan este evento para amosar a súa capacidade creativa e aplicar os criterios estéticos que adquiren nas aulas, plasmándoos en orixinais deseños para a cartelería que anuncia a iniciativa. Un cartaz xeral anuncia os Marzo Doce e cada martes editan unha versión específica para a proposta do día. Todos eles teñen un pouco coñecido patrocinador: Los Desayunos de la Publi.