DUVI

Diario da Universidade de Vigo

MySpace amósase como unha ferramenta idónea para a autopromoción de grupos musicais

Borja Prieto, o seu director de contidos en España, afondou nas posibilidades deste espazo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 22/06/2009

O tema das redes sociais está moi de actualidade, xa que cambiaron enormemente a forma na que usamos a Web. Estas ferramentas, nalgúns casos aínda por pulir, están a facer que se modifiquen á súa vez os modelos de negocio doutras industrias, como é o caso da musical. As redes sociais máis importantes do noso país son, sen dúbida, MySpace, Facebook e Tuenti, “as tres teñen en común que son redes xeneralistas e gratuítas, sen embargo, a primeira traballou dende o principio o nicho da promoción musical”, explicou Enrique Barreiro, director da ESEI.
Para afondar en todo isto, chegado dende Madrid, Borja Prieto, director de contidos de MySpace España, ofreceu un relatorio no Edificio Politécnico, no que explicou que é esta ferramenta, como funciona e para que se pode empregar, centrándose especialmente na promoción de grupos musicais. Nun primeiro achegamento a MySpace podemos definir esta rede como “entretemento social, un escaparate e un crisol cultural”, comentou Prieto.
Segundo explicou o propio promotor da iniciativa, Abel Estévez, da Asociación Cultural Taller de Música, “o verdadeiro motivo desta charla, é abrir os ollos da xente e dos medios, para que saibamos que hai moito máis e que hoxe Internet facilítanos moito o camiño da autopromoción”. Na súa opinión, MySpace “desprega ao 100% a idea da autoxestión, non entende de barreiras, de escenas, de estilos nin de contidos, a única limitación é o tempo do que cada un dispoña”.
Esta iniciativa supón a primeira dunha serie de charlas que realizarán o próximo curso baixo o título de Seminarios sobre autoxestión da escena musical independente “que tentarán amosar como evoluciona a informática e a súa influencia na sociedade”, explicou Barreiro.

Democratización e autopromoción. O poder está na xente

Artistas como Porta, Vetusta Morla ou Russian Red, que triunfaron en parte grazas a MySpace, demostran que “se pode acadar o éxito dun xeito distinto”. Amosan que a cultura está moi viva e que non hai que botar de menos épocas pasadas, xa que estamos a vivir un momento moi especial. “É incrible pensar que calquera pode colgar unha canción e que esta poida ser escoitada por miles de persoas”, dixo Prieto. Isto fainos ver que “o poder está na xente e a onde chegues depende de como saibas empregar as ferramentas das que dispós e, por suposto, ter algo de talento”.
MySpace caracterízase por ser “un espazo de entretemento social”. Diferenciase das demais redes socias en que esta, ademais das funcións habituais, traballa como un escaparate cultural. Se falamos de cifras, nove de cada dez grupos musicais en España teñen un espazo en MySpace. Isto “está cambiando as formas de darse a coñecer, as industrias e democratizando o panorama musical”. Este espazo permite comunicarse cos fans, manter blogs, colgar música, vídeos, imaxes e moitas máis opcións que, en definitiva, “están encamiñadas á autoxestión para labrar o teu presente”.
En total, MySpace conta con máis de 1.600.000 usuarios, o que supón “unha audiencia moi grande e moita repercusión mediática”. O principal piar do seu marketing é o boca a boca e obviamente, como todo negocio, teñen que vivir de algo, neste caso a publicidade é a súa fonte de ingresos, “as marcas están cada vez máis interesadas en chegar a un público novo”.
Finalmente, o futuro de MySpace pasa pola creación dun espazo virtual propio no que o usuario poida elaborar as súas propias listas de reprodución e almacenar a súa música preferida para despois escoitala sen necesidade de ter que descargala nun disco duro, o que se coñece como tecnoloxía streaming. “Sen dúbida imos a unha velocidade de vertixe, pero para o usuario é marabilloso”.