DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As tres universidades galegas asinaron en Santiago o convenio para a creación deste consorcio

Nace ITMATI, un centro tecnolóxico chamado a converterse en referente internacional na matemática industrial

Está formado por 80 investigadores de 11 grupos de Matemática Aplicada, Estatística e Investigación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 08/02/2013
Incrementar a colaboración con mundo empresarial e xerar novos proxectos innovadores que acheguen valor engadido ao tecido produtivo rexional, nacional e incluso internacional. Este é o obxectivo último do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), que nace como “continuación do proxecto CONSOLIDER i-MATH” para fomentar a transferencia de coñecementos e solventar os numerosos e diversos problemas industriais. Os reitores das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago asinaron o convenio de colaboración para a constitución dun consorcio que quere “converterse en punto de referencia internacional dun sector que xa lideramos en España”, explica o investigador vigués José Durany. O ITMATI esta formado por tres grupos de investigación de Vigo liderados polos catedráticos Durany, Jacobo de Uña e Lino Álvarez Vázquez, por outros tres de A Coruña e cinco de Santiago. En total once equipos de Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa que involucran a máis de 80 investigadores que “atenderán de xeito directo e como entidade conxunta a todas as empresas que demanden axuda”.

A achega de recursos que fan as tres universidades coa creación deste consorcio supón un paso importante na promoción da transferencia da tecnoloxía matemática e axudará a dar unha resposta “áxil e eficaz á demanda de empresas, industrias e mesmo administración pública, ademais de visibilizar o traballo dos grupos de investigación implicados no proxecto”. “Ademais de poder contratar directamente co instituto calquera traballo, todos os beneficios reverterán nas institucións públicas impulsoras. As universidades achegarán unha axuda para poder comezar o proxecto, pero a intención é automanterse e autoxestionarse en dous ou tres anos”, recoñece Durany.

Solucións a problemas próximos

O ITMATI nace con tres obxectivos claros: contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade na contorna industrial e empresarial, apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento de tecnoloxía matemática avanzada orientada á transferencia na industria. O equipo de promotores deste instituto tecnolóxico conta cunha ampla experiencia e recoñecido prestixio no desenvolvemento de solucións para o mundo empresarial, motivo polo que a institución fará unha clara aposta polo capital humano contando con persoal científico, especializado na xestión de proxecto e a transferencia de innovación para optimizar a transmisión de coñecemento.

Desde pezas de automóbiles ata o quentamento do pé para a industria téxtil

Galicia lidera o sector da matemática industrial grazas ao intenso labor de transferencia de tecnoloxías a empresas e outros axentes ao longo de dúas décadas de traballo “cunha aplicación moi práctica e directa”. Xunto a proxecto de optimización de recursos e redes, o equipo de Durany ten agora entre mans iniciativas tan diversas como o estudo para a empresa viguesa Umana Ingeniería sobre o quecemento do pé humano para aplicar á industria téxtil ou os contratos con CIE Galfor para simular numericamente o quentamento e enfriamento de pezas de automóviles, ademais de outros contactos internacionais para o desenvolvemento de novos proxectos. Deste xeito, coa creación de ITMATI conséguese incrementar exponencialmente o impacto sobre as empresas e dar un salto cualitativo e cuantitativo medible en termos de investimento empresarial en I+D+i.