DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional estréase no vindeiro curso 2011-2012

Nace un mestrado que formará a líderes na arte de gobernar

O período de preinscrición está aberto dende hoxe venres ata o 7 de xullo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 01/07/2011

O campus pontevedrés estrea para o curso 2011-2012 o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, que vén a ampliar o número de ofertas de posgrao da cidade. Coordinado polo profesor Xosé Mahou, será a única formación especializada en Galicia “na consolidación de directivos e de xestores públicos”. Co período de preinscrición aberto ata o 7 de xullo, o mestrado oferta 12 prazas coa posibilidade de escoller dúas saídas, “ben para acadar un alto nivel de especialización que permita desempeñar actividades propias de asesoría e consultaría, ben para continuar co programa de doutoramento”, explica Mahou.

Segundo o coordinador do mestrado, a pesar da crecente complexidade do exercicio directivo, non se ten producido un reforzamento das competencias dos empregados públicos, “polo que estes estudos nacen dunha demanda das administracións públicas, xa que ata o de agora toda a formación recaía nas escolas de dirección pública ou noutros entes externos ás universidades, e con este mestrado, dámoslle un aval institucional”, comenta.

O principal obxectivo será formar profesionais “que se convertan en directivos líderes”, a través de programas que transformen “a arte de gobernar nun mix de sentido común e de técnicas de dirección que poidan ser trasladadas á práctica da dirección pública e aos seus programas de formación, adestramento e desenvolvemento directivo”.

Carreira investigadora

Ademais desta formación profesional, o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional tamén facilita a posibilidade de realizar carreira investigadora, “saíndo os primeiros doutores en dirección pública, cuestión que non existe actualmente”. Como aclara Mahou, non hai investigación específica neste eido, “soamente estudos moi parciais realizados por outras áreas de coñecemento, pero con este mestrado pretendemos que o alumnado de administración pública se consolide no campo da investigación”.

O curso impartirase de forma online para posibilitar a compatibilidade cunha actividade laboral, de aí que sexa non presencial, “e tamén para chegar a alumnado máis aló da Universidade de Vigo”. A principal ferramenta de contacto será a Plataforma Faitic da Universidade de Vigo “e as titorías realizaranse a través de videoconferencia”. Contempla un total de 90 créditos distribuídos en tres semestres, “o que se corresponde cun ano e medio académico para que os primeiros egresados poidan rematalo no decembro de 2012”. Conta con profesores “de alto nivel”, procedentes da Universidad Complutense de Madrid, da Universidad Autónoma de Barcelona e da Universidade do Minho de Portugal. O período de matrícula abrirase entre o vindeiro 22 e o 27 de xullo de 2011.