DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Fundación Conocimiento y Desarrollo pon en marcha o Ranking CyD

Nace unha nova guía das capacidades das universidades

Ofrecerá información sobre a posición das institucións en marcadores como inserción laboral ou inves

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 04/06/2013
Será unha guía orientativa para que os futuros alumnos e alumnas se decanten por unha ou outra universidade en función dos seus intereses. Con esa intención nace o Ranking CyD, unha iniciativa da Fundación Conocimiento y Desarrollo orientada ao usuario que pretende ofrecer información sobre a posición das diferentes institucións académicas en indicadores como a inserción laboral ou o volume investigador, así como outros necesarios para medir a dimensión dunha institución universitaria. Así o salientou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, no acto de presentación celebrado hoxe en Santiago de Compostela, ao que tamén asistiron o vicepresidente da propia Fundación, Francesc Santacana, e o seu patrono e presidente do Consello Social da Universidade de A Coruña, Antonio Abril.

Enmarcado no proxecto U-Multirank

A inserción laboral e a contribución da universidade ao desenvolvemento rexional son dous dos indicadores fundamentais do Ranking CyD, que busca ser unha clasificación multidimensional coa que cada usuario poderá realizar a súa propia procura de prioridades en base a unha serie de indicadores de avaliación, como a investigación de carácter internacional e a transferencia do coñecemento. Unha liña que tamén seguen listados europeos ou a propia consellería para o reparto de fondos por resultados ás universidades establecidos no Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia, recordou Vázquez.

Tomando como referencia os ámbitos de coñecemento para ofrecer comparacións máis precisas, esta clasificación presentará os resultados en tres grupos de rendemento (alto, medio e baixo) en lugar de facelo do xeito ordinal, como é habitual. Os datos comezarán a publicarse en primavera de 2014.

A iniciativa enmárcase no proxecto U-Multirank da Unión Europea para o desenvolvemento dun ranking internacional multidimensional independente dentro da estratexia Europe 2020. A Fundación CyD liderará a parte española deste proxecto como entidade asociada e funcionando como interlocutor coas universidades.

O Campus do Mar como exemplo

Con este ranking trátase de cambiar a perspectiva e mirar cara a unha universidade do mañá que “non só fai aos mellores egresados, senón que tamén impulsa a sociedade que a rodea para ser máis competitiva a nivel internacional”, apostando pola investigación, polas novas empresas, o traballo e as oportunidades, como asegurou Vázquez. Foi o propio conselleiro o que lembrou que as universidades galegas xa levan tempo traballando nese diálogo permanente a prol dun sistema universitario de excelencia “que mira arredor para buscar nichos de desenvolvemento”, como fixo o Campus do Mar, o Campus da Auga ou o Campus Vida.