DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nace Pórtico, o novo portal de busca en liña do Sistema Universitario Galego

A nova plataforma permite un aforro de operacións de documentación e consulta aos usuarios

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 20/04/2009
A cooperación entre os servizos bibliotecarios do Sistema Universitario de Galicia máis o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, Bugalicia, deu un novo froito coa posta en marcha da plataforma Pórtico, un novo servizo de busca simultánea e recuperación de información, que indaga nos recursos de Bugalicia combinados cos de cada unha das tres universidades.
A nova ferramenta pon a disposición dos usuarios un metabuscador que lanza consultas sobre os recursos de información electrónica consorciados de Bugalicia ao mesmo tempo qu enos propios dispoñibles de cada unha das universidades. Entre eles atópanse revistas, libros, bases de datos, catálogos bibliográficos, teses, patentes, normas, enciclopedias e dicionarios electrónicos, así como outros moitos en Internet, entre eles prensa electrónica e boletíns oficiais.
Neste intres Bugalicia conta con paquetes editoriais con arredor de 20.500 revistas electrónicas, incluídas as máis prestixiosas en cada área científica; 4000 libros electrónicos, case medio centro de bases de datos con acceso, á súa vez, a milleiros de revistas a texto completo e máis de 10.500 actas de congresos ou stándares, elementos de consulta indispensable nas enxeñarías.

Múltiples servizos adicionais

A nova plataforma permítelle aos usuarios dispor de servizos adicionais coma o xestor de enlaces SFX, unha aplicación que integra compoñentes da biblioteca dixital mediante unha xeración dinámica de enlaces. A ferramenta permite, logo da busca, acceder ao texto completo e comprobar se a biblioteca dispón dunha versión impresa.
De xeito complementario pódese consultar tamén o factor de impacto das revistas consultadas, unha variable que indica a relevancia internacional das publicacións; acceder a táboas de contidos ou resumos e buscar outros documentos do mesmo autor.
De xeito especialmente interesante para os investigadores o sistema achega a posibilidade de exportar citas bibliográficas das consultas realizadas a Refworks, o que resulta de gran utilidade para os docentes que estean eleaborando un artigo para publicar nunha revista científica.

Bibliotecas ao día

Entre as principais virtudes de Pórtico está o feito de que todos estes servizos se realizan dentro dun mesmo menú, cando antes había que acudir a diferentes páxinas webs, de xeito, que os usuarios gañan tempo nas súas procuras de información. Isto non impide que, a posteriori, poida derivar nunha busca máis detallada recurrindo ás plataformas especializadas.
O novo sistema permítelle ás bibliotecas universitarias manterse ao día na implantación das novas tecnoloxías da información para fornecer os servizos bibliotecarios que se prestan a toda a comunidade universitaria.