DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fraguada ao abeiro da Escola de Emprendedores do Campus do Mar

Nace a primeira guía de turismo enfocada ao surf en Galicia

A plataforma SurfIn amosa na rede os mellores lugares para practicar este deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Iolanda Fernández DUVI 10/09/2013
Canso de enviar currículos e non obter resposta, Diego Santos pensou na posibilidade de deseñar e pór en marcha unha iniciativa empresarial na que a súa paixón, o surf, fose o motor dunha prometedora e tamén arriscada aposta en tempos difíciles. Aínda que a idea levaba tempo no seu maxín, foi na Escola de Emprendedores, promovida conxuntamente polas universidades de A Coruña e Santiago, a Fundación Ronsel e o Campus do Mar, onde a iniciativa colleu forma. Ao remate desta actividade formativa naceu SurfIn, una nova iniciativa empresarial na rede e con sede en Pontevedra que ten como obxectivo principal “pór en valor a oferta turística relacionada co deporte do surf en Galicia”, explica Santos.

Un percorrido diferente

SurfIn chega ao mercado “coas ideas moi claras” segundo pon de manifesto o seu propio creador, Diego Santos. Esta plataforma web pretende achegar o surf á sociedade ao tempo que lle ofrece aos seus potenciais usuarios toda a información que precisan para practicar este deporte nas Rías Baixas, na Costa da Morte e tamén nas Rías Altas. Coa posta en marcha deste proxecto, este sociólogo “quérelle demostrar tanto ás empresas como aos organismos públicos que o surf é un produto turístico, debemos deixar a un lado os prexuízos e darnos conta de que estamos ante un nicho de mercado aínda por explorar en Galicia”.

Dirixirse a un público nicho, cada vez máis amplo, foi a opción de Santos ao deseñar un modelo de negocio na internet, aproveitando as facilidades das novas tecnoloxías da comunicación e información, e convertendo a súa plataforma web nunha especie de guía virtual na que poder consultar dende o estado dunha determinada praia, ben sexa para a práctica do surf ou simplemente para mergullarse nas súas augas, ata elixir que lugares visitar ao longo da costa galega. Do mesmo xeito, este emprendedor segue arestora a traballar neste proxecto para conseguir implicar na práctica do surf a empresarios do sector turístico galego, ás federacións, escolas de surf, ou mesmo aos fisioterapeutas e fotógrafos da zona.

A Escola de Emprendedores, o último empurrón

Logo de pasar dous anos traballando na Oficina de Turismo de España en Singapur e viaxando por diversos países, Diego Santos decidiu volver á súa Pontevedra natal. Ante a falta de ofertas laborais, o sociólogo optou por continuar coa redacción da súa tese de doutoramento na que estuda as perspectivas de desenvolvemento turístico dunha determinada área xeográfica a través do surf. Entre os seus plans de futuro estaba a creación dunha empresa vinculada “con toda seguridade a este deporte pero... faltábanme os coñecementos necesarios para pola en marcha”, explica Santos. A proposta formativa da Escola de Emprendedores “veume entón como anel ao dedo”.

Foron 25 os alumnos e alumnas que participaron na primeira edición da Escola de Emprendedores. Para Diego Santos, ser un destes alumnos “foi clave para adquirir os coñecementos que precisaba para que o meu proxecto nacese con certa solidez”. Este emprendedor pontevedrés destaca o labor do profesorado e a complicidade que se creou entre os propios compañeiros e compañeiras ao longo do curso. Da súa aprendizaxe, Santos destaca a formación práctica que se lles ofreceu día a día, orientada sempre a fortalecer competencias e habilidades no eido empresarial. A procura de recursos e as ferramentas que teñen ao seu dispor os emprendedores tamén centrou boa parte das sesións, explica o sociólogo.